A Xunta de Goberno aprobou esta semana as bases do Plan de Cofinanciamento dos Servizos Sociais Comunitarios Municipais e das Axudas Básicas de Emerxencia
Os concellos de menos de 20.000 habitantes das comarcas do Deza e Terra de Montes recibirán ata 535.000 de euros da Deputación de Pontevedra para facer fronte a políticas sociais ao abeiro do Plan de Cofinanciamento dos servizos sociais comunitarios municipais e das Axudas Básicas de Emerxencia para 2025. A Xunta de Goberno da institución provincial acaba de aprobar as bases destas liñas de axuda que contan cun investimento total próximo aos 4 millóns de euros, 230.000 € máis que o pasado ano.
En concreto, no relativo á primeira convocatoria, centrada nos Servizos Sociais Comunitarios, a Deputación pon a disposición destes concellos 453.000 euros. Destes, 215.000 euros estarán destinados a sufragar a prestación directa do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), un servizo que atende a persoas maiores e con discapacidade, especialmente cando carezan de apoio persoal no seu medio inmediato, e outros 238.700 euros para cubrir os custos do persoal dos Servizos Comunitarios. En concreto, Agolada recibirá ata 61.729 euros, Cerdedo-Cotobade 70.630 €, Dozón 52.963 €, Forcarei 68.814 €, Rodeiro 40.256 €, Silleda 83.069 € e Vila de Cruces 75.559 €.
No que respecta á segunda liña de subvencións aprobada, as Axudas Básicas de Emerxencia (ABE), o Goberno provincial pon a disposición dos concellos das comarcas do Deza e Tabeirós-Terra de Montes 82.100 euros, para que poidan atender ás demandas da cidadanía que se atope en situación ou risco de exclusión social, con especial atención a quen teña menores ao seu cargo. Neste caso, Agolada ten dispoñibles ata 12.300 euros, Cerdedo-Cotobade 12.800 €, Dozón 10.800 €, Forcarei 10.800 €, Rodeiro 10.800 €, Silleda 11.800 € e Vila de Cruces 12.800 €.
As axudas destinaranse a alimentación, vivenda subministros básicos, produtos e servizos de hixiene e limpeza, pagamento de produtos farmacéuticos, á adquisición de electrodomésticos básicos, pagamento de desprazamentos, pagamento da reparación e mantemento de vehículos, pagamento de lentes, lentes de contacto e audiófonos, pagamento de gastos derivados de tratamentos de odontoloxía, pagamento de produtos de apoio, atencións de carácter complementario e, entre outras, para adquisición de roupa e calzado, axudas ao estudo e de apoio á infancia.