A modificación de crédito aprobada hoxe financiada con cargo aos maiores ingresos recadados, alcanza unha cifra total de 6.249.377,77 euros. Desta cantidade, 60.000 euros van destinados a expropiacións e 30.000 ao Concello dos Blancos para amortización de débeda. A contía restante, 6.159.377,77 euros, distribúese entre os concellos menores de 20.000 habitantes
No capítulo de propostas aprobouse unha moción na que se reproba ao ministro Óscar Puente pola supresión de paradas do AVE na Gudiña; unha petición para a mellora das condicións laborais e asistenciais nos centros de reforma xuvenil e protección de menores de Ourense; e unha iniciativa sobre as plantas de biogás en Galicia, con atención á macroplanta prevista en Xunqueira de Ambía
O Pleno da Deputación de Ourense aprobou hoxe unha modificación de crédito por un importe superior a 6,2 millóns de euros, dos que máis de 6,1 millóns serán distribuídos entre os concellos ourensáns para financiar 191 iniciativas municipais relacionadas cos efectos dos lumes deste verán, atender os servizos públicos e necesidades de financiamento.
Os créditos incluídos na modificación, financiados con cargo aos maiores ingresos recadados, alcanzan unha cifra total de 6.249.377,77 euros. Desta cantidade, 60.000 euros van destinados a expropiacións e 30.000 ao Concello dos Blancos para amortización de débeda. A contía restante, 6.159.377,77 euros, distribúese en 191 axudas para os concellos ourensáns menores de 20.000 habitantes.
Estes recursos permitirán atender necesidades relacionadas con infraestruturas, equipamentos e servizos públicos básicos ou instalacións deportivas.
Ademais, o expediente inclúe as anualidades correspondentes a tres concellos dentro do plan de residencias para maiores cofinanciado pola Xunta de Galicia. Son os casos da construción de centros na Peroxa (250.000 euros); Vilamarín (100.000); e Carballeda de Avia (máis de 57.000).
Tres criterios de repartición
A repartición entre concellos dos máis de 6,1 millóns baséase en tres criterios. Por unha parte as achegas destinadas aos concellos afectados de modo grave ou importante polos lumes forestais deste verán, cunha porcentaxe en función da superficie queimada que vai desde os 100.000 euros para os municipios máis afectados, ata os 55.000 para aqueles que resultaron afectados en menor medida pero sempre de modo importante.
En segundo lugar establécese unha distribución lineal por poboación de cada concello, con cantidades que van desde os 30.000 euros (municipios que teñen menos de 1.000 habitantes); 40.000 (entre 1.000 e 5.000; e 50.000 euros para os concellos de máis de 5.000 habitantes.
O terceiro criterio refírese ás necesidades especiais de cofinanciamento que teñen os concellos para proxectos en cuxa execución participan outras administracións.
Programa especial de cooperación para o Concello de Ourense
Neste mesmo punto quedou fixado o destino dunha achega económica xenérica para colaboración con obras e servizos de competencia municipal, incluída na modificación de crédito aprobada polo pleno en abril deste ano.
Agora acordouse que esta partida, de 140.000 euros, irá destinada a un programa especial de cooperación para cofinanciar obras promovidas polo Concello de Ourense.
Consorcio para a Prestación do Servizo contra Incendios e Salvamento
Tamén foi aprobada outra modificación de crédito, desta volta referida ao orzamento do Consorcio para a Prestación do Servizo contra Incendios e Salvamento, por importe de 505.000 euros. Con cargo ao remanente de tesourería para gastos xerais, esta contía está destinada, entre outros conceptos, a actuacións en instalacións, maquinaria ou programas de xestión de emerxencias.
Entre os asuntos tratados na sesión figuraba a modificación da ordenanza fiscal do servizo de recollida, transporte e tratamento de residuos, que coa incorporación de Cortegada alcanza xa os 60 concellos adheridos.
Xunto a este novo concello, entre os cambios rexistrados está a periodicidade do cobro, que pasa de catro recibos trimestrais a un único recibo anual, manténdose aberta a posibilidade de solicitar o fraccionamento desta taxa.
Ademais, varía o prazo para solicitar a tarifa reducida. Agora será antes do 1 de xaneiro, aínda que esta modificación terá efectos a partir do día 1 de xaneiro de 2027.
Introducíronse cambios tamén na ordenanza do servizo de recadación, co fin de adaptar esta normativa á nova redacción dun artigo da Lei Xeral Tributaria, así como a delegación de competencias neste servizo por parte do Concello de Cortegada.
Reprobación ao ministro Óscar Puente
No capítulo de propostas, aprobouse unha moción na que se reproba ao ministro de Transportes, Óscar Puente, polas decisións do seu departamento que afectan á provincia de Ourense, ao suprimir frecuencias do AVE na estación da Gudiña pasando de 56 a 41 semanais. Unha decisión que empeora este servizo, ao eliminar, precisamente, as paradas más efectivas e importantes para a comarca.
No marco desta iniciativa, o Pleno tamén acordou esixirlle ao Goberno central volver de forma inmediata aos horarios anteriores a xuño, así como elaborar de maneira inmediata un plan de atención urxente aos viaxeiros na Gudiña, dotando a súa estación de todos os servizos e infraestruturas necesarias para o seu óptimo funcionamento.
Protección de menores
Noutra das iniciativas aprobadas ínstase á Xunta de Galicia a recibir de inmediato aos representantes sindicais e patronais do sector de reforma xuvenil e protección de menores, para negociar un convenio colectivo galego que dignifique as condicións laborais, salariais e sociais dos traballadores, así como a mellora de instalacións e dotación de recursos materiais e humanos suficientes nos centros da provincia de Ourense.
Demanda tamén da Consellería de Política Social o incremento do financiamento e control público dos centros de menores, e que garanta a máxima transparencia na xestión dos recursos.
Plantas de biogás
Por último, a corporación decidiu que se inste á Xunta a que elabore unha normativa reguladora das plantas de biogás en Galicia, así como tamén que se amplíe o prazo de alegacións sobre a macroplanta prevista en Xunqueira de Ambía, salvo que haxa unha nova exposición pública do proxecto; que os servizos xurídicos da Deputación aleguen contra este proxecto, no marco das competencias da institución provincial, ademais de non financiar desde a Deputación macroplantas de biogás ou biometano.
Por último, pídese á Xunta elaborar un programa de formación e difusión, especialmente na Limia, sobre as oportunidades favorables que poden representar as pequenas plantas de biogás asociadas ao ámbito local.



