As achegas repártense entre 84 clubs de 26 concellos de disciplinas como atletismo, balonmán, voleibol, esgrima ou ciclismo
O Goberno da Deputación ven de aprobar a concesión de achegas por 800.000 euros aos clubs deportivos da provincia que participan en competicións oficiais de ámbito estatal, recursos que chegarán a 84 clubs de 26 concellos. Estas subvencións concédense en réxime de concorrencia competitiva e a institución provincial, ademais de ter en conta para a súa asignación o orzamento dos clubs ou o número de licencias, puntúa “de xeito especial ás licencias femininas e de deporte adaptado porque realmente están en inferioridade de condicións para practicar deporte”. A presidenta Carmela Silva tamén destacou a variedade de modalidades que se practican nestes clubs como atletismo, balonmán, voleibol, esgrima ou ciclismo, o que supón por parte da Deputación “unha aposta moi importante polo deporte na provincia de Pontevedra”.
Estes recursos chegarán a todas as comarcas da provincia. Á de Deza e Terra de Montes terá 38.060 € para 4 clubs de 2 concellos. Serán 18.395 € para 2 clubs de Lalín e 19.665 € para outros dous clubs da Estrada. Os fondos tamén chegarán á comarca do Salnés con 67.048 euros para 8 clubs de 6 concellos que se repartirán entre Vilagarcía con 31.000 € para 2 clubs; Ribadumia con 16.820 € para 1 club; Sanxenxo con 11.753 € para 2 clubs; Cambados con 4.912 € para 1 club; Meaño con 2.108 € para 1 club; e Catoira con 455 € para 1 club. Ademais, a comarca de Pontevedra recibirá 122.413 euros para 11 clubs de 3 concellos. Serán para Pontevedra con 102.581 € para 8 clubs; Caldas de Reis con 2.376 € para un club; e Marín 17.456 € para dous clubs.
Para a comarca do Morrazo foron aprobados 64.873 € para 6 clubs de 3 concellos que chegarán a Bueu con 15.935 € para 2 clubs, Cangas con 35.170 € para 3 clubs e Moaña con 13.768 € para 1 club. E para a comarca de Vigo outros 420.805 euros para 45 clubs de 6 concellos, que se reparten do seguinte xeito: Vigo con 230.316 € para 29 clubs; Redondela con 120.037 € para 6 clubs; Mos con 18.300 € para 2 clubs; Nigrán con 14.306 € para 3 clubs; Gondomar con 5.240 € para 1 club; e O Porriño con 32.606 € para 4 clubs.
A comarca do Baixo Miño terá 32.125 € para 3 clubs de 3 concellos. Os fondos provinciais irán a parar a un club do Rosal que recibirá 20.413 €, a outro de Oia que contará con 5.712 € e a outro da Guarda con 6.000 €. Do mesmo xeito, tamén se aprobaron fondos para a comarca do Condado e da Paradanta con 54.638 € para 7 clubs de 3 concellos. Serán Ponteareas con 28.571 € para 5 clubs, A Cañiza con 19.350 € para 1 club e As Neves con 6.717 € para 1 club.