A Deputación destina 9.000 euros para que cinco entidades sociais da comarca do Salnés poidan realizar actividades de dinamización da lingua galega

adminON
Lectura mínima de 2

O presidente Luis López confirmou que as axudas oscilan entre os 400 e os 3.000 euros para actividades como campañas no comercio, polo Día das Letras Galegas ou recitais

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou hoxe o reparto de preto de 9.000 euros para que cinco entidades sociais doutros tantos concellos do Salnés poidan realizar actividades de dinamización da lingua galega. En total, cada un dos concellos recibirá achegas que oscilan entre os 400 e os 3.000 euros para actividades como campañas no comercio, polo Día das Letras Galegas ou de conservación das tradicións. “Como administración pública temos a obriga de fomentar e difundir a lingua galega, a nosa, a miña, a que nos diferencia e nos proxecta no mundo e a que dota a este pobo dunha identidade e personalidade únicas”, asegurou o presidente provincial, Luis López.

En concreto, no concello de Cambados a Asociación Cambados Zona Centro, Centro Comercial Urbano de Cambados contará con 3.049 € para o fomento do emprego do galego no comercio; na Illa de Arousa a Asociación Cultural Dorna recibirá 2.561 € para as celebracións do Día das Letras Galegas 2024; en Ribadumia será a Asociación Gotas a que reciba 420 € para o recital de poesía por Samuel Merino e Fernán Permuy; en Sanxenxo a Asociación de Baile e Gaitas Os Gatiños de Portonovo 886 € para a actividade Dengué, palabra e tradición, e en Vilagarcía o Centro Comercial Aberto de Vilagarcía Zona Aberta recibirá 1.750 € para a campaña de dinamización para o uso da lingua galega no ámbito comercial.

No conxunto da provincia, este ano a institución provincial aprobou destinar axudas a 47 entidades dun total de 25 concellos da provincia de Pontevedra por valor de preto de 110.000 euros para a posta en marcha de actividades para fomentar e difundir o emprego da lingua galega.

Comparte este artigo