HomeDeputaciónsDeputación PontevedraA Deputación destina máis de 145.000 € do Plan +Novaqua a 28...

A Deputación destina máis de 145.000 € do Plan +Novaqua a 28 comunidades de usuarios de augas da comarca de Vigo e do sur da provincia para a regularización das traídas veciñais

- Anuncio -spot_img

Trátase de comunidades de usuarios de augas de Arbo, Baiona, A Cañiza, Covelo, Crecente, Fornelos de Montes, Gondomar, Mondariz, Mos, As Neves, Oia, Ponteareas, Redondela e Salceda de Caselas que recibirán axudas que oscilan entre os 2.500 e os 6.000 euros

No conxunto da provincia benefícianse desta liña de axudas, que ascende a 300.000 €, 61 comunidades de augas

+Novaqua é unha das tres liñas de axudas dirixidas ao movemento veciñal postas en marcha polo goberno da Deputación de Pontevedra, dotadas neste 2025 coa cifra récord de 5 millóns de euros

A Deputación de Pontevedra aprobou destinar máis de 145.000 euros do Plan +Novaqua a 28 comunidades de usuarios de augas da comarca de Vigo e do sur da provincia para a regularización das traídas veciñais. Trátanse de entidades de Arbo, Baiona, A Cañiza, Covelo, Crecente, Fornelos de Montes, Gondomar, Mondariz, Mos, As Neves, Oia, Ponteareas, Redondela e Salceda de Caselas que recibirán axudas que oscilan entre os 2.500 e os 6.000 euros. En total, no conxunto da provincia, benefícianse de +Novaqua 61 comunidades de augas que recibirán 300.000 €.

Máis de 26.200 euros irán a cinco entidades de Arbo entre as que se atopan as comunidades de usuarios de augas de Barcela, Cequeliños, Rozas, San Juan de Arbo e Barcia; preto de 25.000 euros a cinco entidades de Ponteareas entre as que se atopan as comunidades de augas de San Estevo de Cumiar, Castro, Peso Areas, Couso-Guláns e Santa Cruz de Cumiar; preto de 16.500 euros para as comunidades de augas de Vilaza, A Cernada e Casas, Tumbio e Bicháns en Gondomar; 12.000 euros para as comunidades de usuarios de Vilariño e Tallos, na Cañiza; outros 12.000 € para as comunidades de augas de Carballeda e Lourido, en Covelo; máis de 11.200 euros para as comunidades de usuarios de augas de San Vicente e Soutosico de Fornelos de Montes;  outros máis de 11.200 euros para as comunidades de usuarios de Escobeiro de San Pedro e Igrexa, Portela e Chan en Mondariz; 6.000 euros para a comunidade de usuarios traída de augas de Parada, en Crecente; preto de 5.900 euros para a comunidade de usuarios Fonte Vella de Baredo de Baiona; máis de 5.200 euros para a comunidade de usuarios de auga da Riña en Oia; preto de 5.000 € para a comunidade de usuarios de San José de Ribarteme nas Neves; máis de 3.200 € para a comunidade de usuarios de Quintela en Redondela; máis de 3.100 euros para a comunidade de augas de Torroso en Mos e máis de 2.600 euros para a traída de augas de Castro Barreiro en Salceda de Caselas.

En total foron 85 as comunidades de usuarios de auga que presentaron solicitudes para optar ás axudas +Novaqua. Delas 9 quedaron excluídas por non posuír os requisitos fixados nas bases da convocatoria e outras 7 non presentaron a documentación no prazo esixido nin emendaron a solicitude. Ao ser maior a demanda que o crédito dispoñible, pese a incrementar a súa dotación dos 100.000 € iniciais aos 300.000 €, foi preciso, tal e como recollen as bases das axudas, realizar un sorteo a través do cal se seleccionaron as 61 comunidades de augas beneficiarias.

“A elevadísima demanda destas axudas está a poñer enriba da mesa a necesidade existente entre o movemento veciñal e asociativo, ignorado polo anterior goberno provincial”, asegurou o presidente da Deputación Luis López quen manifestou a vontade de “seguir apostando polo tecido asociativo, impulsando plans e programas específicos que permitan dar respostas ás súas necesidades”. Neste eido, o presidente provincial recordou que +Novaqua é unha das tres liñas de axudas dirixidas ao movemento veciñal postas en marcha polo goberno da Deputación: Provincia Comunitaria, +Aqua e +Novaqua, dotadas neste 2025 coa cifra récord de  5 millóns de euros.

Publicacións Relacionadas