Trátanse, tal e como explicou o presidente provincial Luis López, de recursos da liña de subvencións dirixida aos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia que ascende a 260.000 euros e da que este ano se benefician 48 concellos, “todos os que solicitaron as axudas”
Con estes recursos levaranse a cabo proxectos de sensibilización, formación e prevención da violencia machista, plans municipais de igualdade, iniciativas para mellorar a inserción laboral das mulleres, campañas de difusión ou, entre outras, actuacións de fomento da corresponsabilidade
A Deputación de Pontevedra destina máis de 52.000 euros aos concellos de Cambados, Catoira, A Illa de Arousa, Meaño, Meis, Pontecesures, Ribadumia, Sanxenxo, Valga e Vilanova de Arousa para o fomento da igualdade e a prevención da violencia de xénero. Trátanse, tal e como explicou o presidente provincial Luis López, de recursos da liña de subvencións dirixida aos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia que ascende a 260.000 euros e da que este ano se benefician 48 concellos, “todos os que solicitaron as axudas”.
“Somos –subliñou o presidente da Deputación de Pontevedra- un goberno comprometido coa igualdade e este ano, temos consignado 460.000 euros a dúas liñas de axudas nesta materia”. Ao respecto recordou que aos 260.000 euros aprobados na Xunta de Goberno desta semana hai que engadir outros 200.000 xa destinados a 40 entidades sociais da provincia para o fomento da igualdade e a loita contra a violencia de xénero. “Sumamos recursos e esforzos para que esta provincia sexa un lugar mellor, no que mulleres e homes teñamos as mesmas oportunidades”, remarcou Luis López.
Con estes recursos, Cambados porá en marcha un programa de fomento da igualdade e contra a violencia de xénero; Catoira a iniciativa “Creando igualdade”; A Illa de Arousa actuacións para o fomento da igualdade e a prevención da violencia de xénero; Meaño un programa de sexualidade e masculinidade; Meis a iniciativa “Meis no camiño a carón da igualdade, polos bos tratos e competentes emocionalmente”; Pontecesures os programas “Falemos de sexo”, “Exposición mulleres do centenario” e “Memoria, autocoidado e benestar”; Ribadumia o programa “Ribadumia, espazo de igualdade: educación, prevención e diversidade”; Sanxenxo “Querernos ben. Unha acción educativa contra a violencia de xénero”; Valga actividades de tempo libre en igualdade e inclusivas e Vilanova de Arousa o plan de igualdade 2026-2029, con contías que abranguen entre os preto de 2.200 e os 6.000 euros.
En liñas xerais cos recursos provinciais, tal e como explicou o presidente, dos 48 concellos beneficiarios das axudas provinciais 15 porán en marcha iniciativas de capacitación e formación en materia de igualdade e prevención da violencia machista, 13 proxectos de sensibilización e fomenta da igualdade, 11 programas de conciliación e educación en igualdade de nenas e nenos e nove traballarán na avaliación, redacción e mellora dos plans municipais de igualdade.