Cada concello de menos de 20.000 habitantes recibirá entre 10.800 e 12.800 euros para sufragar gasto corrente e afrontar investimentos para apoiar a persoas en situación ou risco de exclusión social
A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar o reparto de máis de 80.000 euros para que os sete concellos das comarcas do Deza e Terra de Montes de menos de 20.000 habitantes poidan atender as necesidades urxentes de persoas que se atopen en situacións ou risco de exclusión social. Como explicou o presidente provincial, Luis López, son as coñecidas como Axudas Básicas de Emerxencia, “unha liña de achegas para apoiar a aquelas persoas que máis o precisan, e que demostran o noso firme compromiso cos máis vulnerables, poñendo especial atención na mellora da súa calidade de vida e da súa autonomía persoal”. En total, a Deputación de Pontevedra destinará este ano 615.000 euros para os 51 concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia.
Cada un dos concellos destas dúas comarcas recibirá entre 10.800 e 12.800 euros, en función do número de habitantes que teñan e doutros indicadores, entre os que se atopan a taxa de desemprego, a dependencia ou a renda. Dos 82.100 euros que se aproban para as comarcas de Deza e Tabeirós-Terra de Montes, 51.650 permitirán aos concellos sufragar gasto corrente, como alimentación, uso da vivenda ou pagamento de servizos e subministros básicos, entre outros, mentres que o resto, 30.450 €, irá destinado a afrontar investimentos como actuacións de mellora en vivendas de persoas vulnerables, entre outras moitas iniciativas.
Por concellos, Agolada benefíciase de 12.300 euros, Cerdedo-Cotobade de 12.800 €, Dozón de 10.800 €, Forcarei de 10.800 €, Rodeiro de 10.800 €, Silleda de 11.800 € e, por último, Vila de Cruces recibirá un total de 12.800 €.

