HomeBaixo MiñoA GuardaA Deputación destina nestes dous anos de goberno preto de 1,1 M€...

A Deputación destina nestes dous anos de goberno preto de 1,1 M€ a 73 asociacións e comunidades de augas das contornas do Val Miñor e O Baixo Miño

- Anuncio -spot_img

O presidente provincial, Luis López, xunto ao deputado de Acción Comunitaria, Javier Tourís, salientou na I Gala Provincia Comunitaria o compromiso do goberno da Deputación co movemento veciñal, con 1.000 colectivos do conxunto da provincia atendidos e 11,5 millóns de euros distribuídos en dous anos

55 comunidades de usuarios de augas do Val Miñor e O Baixo Miño recibirán axudas por valor de preto de 800.000 € para regularizar as súas traídas e mellorar as súas instalacións e equipamentos

18 asociacións e colectivos veciñais desta contorna do sur da provincia serán beneficiadas con preto de 240.000 € para adquirir equipamento e mellorar e renovar instalacións e locais sociais

A Deputación de Pontevedra está a destinar nestes dous anos de goberno preto de 1,1 millóns de euros a 73 asociacións e comunidades de augas dos concellos de Baiona, Gondomar, A Guarda, Nigrán, Oia, O Rosal, Tomiño e Tui. Son 55 comunidades de usuarios de augas destes concellos das contornas do Val Miñor e O Baixo Miño as entidades que recibirán axudas por valor de preto de 800.000 euros para regularizar as súas traídas e mellorar as súas instalacións e equipamentos. Pola súa banda, outras 18 asociacións e colectivos veciñais serán beneficiadas con preto de 240.000 € para adquirir equipamento e mellorar e renovar as súas instalacións e locais sociais.

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, xunto ao deputado de Acción Comunitaria, Javier Tourís, salientou na I Gala Provincia Comunitaria o compromiso do goberno provincial co movemento veciñal, con 1.000 colectivos do conxunto da provincia atendidos e 11,5 millóns de euros distribuídos nestes primeiros dous anos de mandato. Tamén aproveitou para adiantar que no 2026 as liñas de axudas dirixidas ao tecido veciñal medrarán un 20% para seguir espallando recursos a un colectivo “que nos está permitir construír unha provincia máis avanzada, participativa e cohesionada”, destacou o presidente.

No que respecta ao Val Miñor e Baixo Miño, seis colectivos de Baiona están a ser beneficiados con preto de 60.000 euros das liñas de axudas provinciais para a Acción Comunitaria: +Aqua, Novaqua e Provincia Comunitaria. Ao detalle, tres comunidades de augas reciben preto de 33.000 € para mellorar as súas infraestruturas e acondicionar depósitos de augas, unha preto de 6.000 € para mellorar a novación e dúas asociacións preto de 20.000 € para reparar os seus locais sociais e dotalos de novos equipamentos.

De Gondomar son 20 as entidades que reciben máis de 236.000 € ao abeiro destas liñas de axudas provinciais. 13 comunidades de usuarios de augas benefícianse de preto de 168.000 € para reparar depósitos, renovar infraestruturas e mellorar os sistemas de control, calidade e potabilización; outras 3 comunidades de augas de máis de 16.000 € para renovar a concesión e catro asociacións de máis de 52.000 € para adquirir equipamentos para os seus locais sociais, mellorar as súas instalacións ou facelas accesibles.

No caso da Guarda, a Asociación de veciños e propietarios O Percamino recibe 10.000 € para realizar unha intervención no centro sociocultural e 3 comunidades de augas de Nigrán de preto de 30.000 € para mellorar a eficiencia na xestión e as infraestruturas.

Pola súa banda, no Concello de Oia 16 entidades reciben preto de 200.000 € das liñas de axuda de Acción Comunitaria da Deputación. Delas, 10 trátanse de comunidades de auga que con preto de 122.000 € están a realizar melloras no control e xestión da auga e nas infraestruturas; outra renovou a concesión con máis de 5.000 € e outras cinco asociacións beneficiáronse de máis de 67.000 € para dotar aos seus locais sociais de novo equipamento, mobiliario e iluminación e para realizar obras de acondicionamento e mellora.

Sete son as comunidades de augas do Rosal que reciben máis de 93.000 € ao abeiro do Plan +Aqua e con estes recursos van mellorar o control e a calidade da auga, realizar obras de illamento e acondicionamento de depósitos e renovar mananciais. Ademais, outras 14 entidades de Tomiño reciben preto de 344.000 €: 10 comunidades de augas preto de 284.000 € para mellorar o control e a calidade da auga, dixitalizar e modernizar as instalacións ou substituír tubaxes e catro asociacións preto de 59.000 € para adquirir equipamentos e reformar os seus locais sociais.

No caso de Tui son seis as entidades beneficiarias de preto de 73.000 € destas axudas provinciais. Catro comunidades de augas reciben preto de 43.000 € para realizar melloras no control e a xestión da comunidade, reparar infraestruturas e mellorar canalizacións e outras dúas asociacións veciñais benefícianse de 30.000 € para adquirir equipamentos e mellorar as súas instalacións para mellorar a prestación dos seus servizos cara as persoas usuarias.

Publicacións Relacionadas