O presidente provincial, Luis López, xunto ao deputado de Acción Comunitaria, Javier Tourís, salientou na I Gala Provincia Comunitaria o compromiso do goberno da Deputación co movemento veciñal, con 1.000 colectivos do conxunto da provincia atendidos e 11,5 millóns de euros distribuídos en dous anos
15 comunidades de usuarios de augas da comarca do Morrazo recibirán axudas por valor de preto de 190.000 € para mellorar as súas instalacións e equipamentos e regularizar as súas traídas
18 asociacións e colectivos veciñais desta contorna da provincia serán beneficiadas con máis de 180.000 € para adquirir equipamento e mellorar e renovar instalacións e locais sociais
A Deputación de Pontevedra está a destinar nestes dous anos de goberno preto de 400.000 euros a unha trintena de asociacións e comunidades de augas dos concellos de Bueu, Cangas do Morrazo, Marín e Moaña. Son 15 comunidades de usuarios de augas destes concellos da contorna do Morrazo as entidades que recibirán axudas por valor de preto de 190.000 € para mellorar as súas instalacións e regularizar as súas traídas. Pola súa banda, 18 asociacións e colectivos veciñais desta contorna serán beneficiadas con máis de 180.000 € para adquirir equipamento e mellorar e renovar as súas instalacións e locais sociais.
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, xunto ao deputado de Acción Comunitaria, Javier Tourís, salientou na I Gala Provincia Comunitaria o compromiso do goberno provincial co movemento veciñal, con 1.000 colectivos do conxunto da provincia atendidos e 11,5 millóns de euros distribuídos nestes primeiros dous anos de mandato. Tamén aproveitou para adiantar que no 2026 as liñas de axudas dirixidas ao tecido veciñal medrarán un 20% para seguir espallando recursos a un colectivo “que nos está permitir construír unha provincia máis avanzada, participativa e cohesionada”, destacou o presidente.
No que respecta á comarca do Morrazo, tres colectivos de Bueu están a ser beneficiados con preto de 34.000 € das liñas de axudas provinciais para a Acción Comunitaria e, con estes recursos, están a adquirir medios materiais, equipamentos e a mellorar os seus locais sociais. No caso de Cangas do Morrazo son nove os colectivos que reciben axudas destes plans por valor de 85.000 €: 3 comunidades de usuarios de augas contarán con máis de 36.000 € para mellorar a calidade e xestión das augas e realizar obras de mellora nas súa infraestruturas e seis asociacións con preto de 50.000 € para rehabilitar os seus locais sociais e dotalos de novos equipamentos.
De Marín son 16 as entidades que reciben preto de 180.000€ ao abeiro destas liñas de axudas provinciais. Sete comunidades de usuarios de augas contarán con 83.000 € para mellorar as súas instalacións, instalar sistemas de cloración, reparar gretas, renovar as concesións ou adquirir sistemas de control dixital, e nove asociacións con máis de 96.000 € para dotar aos seus locais sociais de equipamentos, realizar obras de acondicionamento ou cambiar portas de acceso e solos. No caso de Moaña, cinco comunidades de usuarios de augas beneficiaranse de máis de 68.000 € para realizar melloras da eficiencia e xestión da auga e das súas infraestruturas e para pechar as captacións.



