HomeDeputaciónsDeputación PontevedraA Deputación destina preto de 110.000 euros a 20 concellos da contorna...

A Deputación destina preto de 110.000 euros a 20 concellos da contorna de Vigo e do sur da provincia para o fomento da igualdade e a prevención da violencia de xénero

- Anuncio -spot_img

Trátanse, tal e como explicou o presidente provincial Luis López, de recursos da liña de subvencións dirixida aos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia que ascende a 260.000  euros e da que este ano se benefician 48 concellos, “todos os que solicitaron as axudas”

Con estes recursos levaranse a cabo proxectos de sensibilización, formación e prevención da violencia machista, plans municipais de igualdade, iniciativas para mellorar a  inserción laboral das mulleres, campañas de difusión ou, entre outras, actuacións de fomento da corresponsabilidade

A Deputación de Pontevedra destina preto de 110.000 euros aos concellos de Arbo, Baiona, A Cañiza, Covelo, Crecente, Gondomar, A Guarda, Mondariz, Mondariz-Balneario, Mos, As Neves, Nigrán, Oia, Pazos de Borbén, O Rosal, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Soutomaior, Tomiño e Tui para o fomento da igualdade e a prevención da violencia de xénero. Trátanse, tal e como explicou o presidente provincial Luis López, de recursos da liña de subvencións dirixida aos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia que ascende a 260.000 euros e da que este ano se benefician 48 concellos, “todos os que solicitaron as axudas”.

“Somos –subliñou o presidente da Deputación de Pontevedra- un goberno comprometido coa igualdade e este ano, temos consignado 460.000 euros a dúas liñas de axudas nesta materia”. Ao respecto recordou que aos 260.000 euros aprobados na Xunta de Goberno desta semana hai que engadir outros 200.000 xa destinados a 40 entidades sociais da provincia para o fomento da igualdade e a loita contra a violencia de xénero. “Sumamos recursos e esforzos para que esta provincia sexa un lugar mellor, no que mulleres e homes teñamos as mesmas oportunidades”, remarcou Luis López.

Con estes recursos, Arbo porá en marcha o programa “Capacitadas”; Baiona un proxecto de sensibilización en igualdade e prevención da violencia machista; A Cañiza a iniciativa “Violetas 2025”; Covelo o desenvolvemento e visibilización das medidas e propostas do III Plan municipal; Crecente unha actuación para o desenvolvemento e a visibilización das medidas do I Plan de Igualdade; Gondomar o proxecto “Cimentando igualdade, camiñando cara a igualdade”; A Guarda “Igualando 2025”; Mondariz “Sementando Igualdade 2025”; Mondariz-Balneario o desenvolvemento das medidas e propostas do II Plan Municipal de Igualdade; Mos “Teatro en igualdade”; As Neves o desenvolvemento e visibilización das medidas e propostas do III Plan Municipal de Igualdade; Nigrán un programa de educación sexual para nenas e nenos de 1º a 6º de primaria; Oia “Concilia Verán 2025”; Pazos de Borbén “Mulleres en Rede”; O Rosal o proxecto “Aloumiño O Rosal – prevención das violencias sexuais”; Salceda de Caselas “Salceda obxectivo igualdade”; Salvaterra de Miño o campamento de conciliación durante o verán; Soutomaior “Enredadas”; Tomiño “Construíndo igualdade: de estratexia á acción”; e Tui a elaboración do IV plan de igualdade de oportunidades de mulleres e homes do concello, con contías que oscilan entre os máis de 4.000 e os 6.000 euros.

En liñas xerais cos recursos provinciais, tal e como explicou o presidente, dos 48 concellos beneficiarios das axudas provinciais 15 porán en marcha iniciativas de capacitación e formación en materia de igualdade e prevención da violencia machista, 13 proxectos de sensibilización e fomenta da igualdade, 11 programas de conciliación e educación en igualdade de nenas e nenos e nove traballarán na avaliación, redacción e mellora dos plans municipais de igualdade.

Publicacións Relacionadas