O presidente Luis López confirmou que as axudas oscilan entre os 1.000 e os 5.000 euros e permitirán poñer en marcha proxectos de animación sociocultural, empregabilidade, envellecemento activo ou, entre outros, apoio a persoas con diferentes enfermidades
A Deputación de Pontevedra aprobou o reparto de preto 35.000 € para que dez entidades sen ánimo de lucro de catro concellos da contorna do Salnés e Arousa poidan realizar actuacións no ámbito social. En total, as axudas oscilan entre os 1.000 e os 5.000 euros e permitirán financiar proxectos de animación sociocultural, empregabilidade, envellecemento activo ou, entre outros, apoio a persoas con diferentes enfermidades.
O presidente, Luis López, remarcou o compromiso do Goberno provincial coas persoas máis vulnerables “poñendo especial atención na mellora da súa calidade de vida” e remarcou a vontade de “integrar ás persoas da provincia que se atopan nunha situación de especial vulnerabilidade, para que todos os habitantes teñen acceso ás mesmas oportunidades”. Neste eido, destacou o éxito da convocatoria, que este ano chega a 114 entidades de 23 concellos da provincia, que recibirán achegas de entre 1.000 e 6.600 euros e que beneficiarán a unhas 5.000 persoas de forma directa e 15.000 indirecta.
Na contorna do Salnés e Arousa, no concello de Sanxenxo a Asociación Banco de Alimentos Rías Baixas Pontevedra recibe 2.894 €; en Valga a Asociación de Persoas con Discapacidade dos Vales Ulla-Umia (ASDIVALU), 3.665 €; en Vilanova de Arousa a Asociación Cultural O Castro de Baión, 3.273 €, e en Vilagarcía son sete as entidades que reciben achegas: a Asociación Autismo BATA contará con 3.940 €, a Asociación Con Eles con 4.141 €, a Asociación Galega de Linfedema (AGL) con 3.730 €, a Asociación Lar Pro Salud Mental con 3.691 €, a Asociación TDAH Salnés con 1.002 €, a Fundación Amigos de Galicia con 2.829 € e a Fundación Residencia Divina Pastora de Vilagarcía de Arousa con 4.986 €.