A Deputación destina preto de 40.000 euros á rehabilitación e reforzo estrutural da casona da Finca Areeiro

adminON
Lectura mínima de 3

A través desta actuación solucionaranse os problemas de illamento e humidades e os danos nos elementos estruturais da fachada principal do recinto

A Deputación de Pontevedra acaba de adxudicar o contrato por valor de preto de 40.000 euros para a rehabilitación e reforzo estrutural na casona da Finca Areeiro. A través desta actuación solucionaranse os problemas de illamento e os danos nos elementos estruturais da fachada principal do recinto que impiden acadar os niveis de seguridade, habitabilidade e salubridade adecuados para o desenvolvemento das actividades propias do centro.

Nestes momentos, a casona está insuficientemente illada e amosa danos e incidencias nos elementos estruturais da súa fachada principal, ademais de filtracións no muro posterior. Deste xeito, a través deste contrato que acaba de ser adxudicado, o goberno provincial pretende mellorar as instalacións de Areeiro, actuando tanto na planta baixa como nas fachadas este e sur da primeira planta. Así, rehabilitarase a estrutura dos elementos que presentan patoloxías severas e solucionaranse os problemas de humidades mediante a impermeabilización da edificación. Tamén se executará unha beirarrúa e un zócalo para evitar o contacto directo do terreo co muro da fachada e, entre outras actuacións, substituiranse as carpinterías na planta baixa da fachada sur, así como canalizaranse as augas pluviais.

A Estación Fitopatolóxica de Areeiro, creada en 1981 trala adquisición da “Granxa Areeiro” por parte da Deputación en 1963, é un centro de investigación pioneiro en Galicia, dedicado principalmente a asesorar os agricultores da provincia no relativo á sanidade dos seus cultivos. O seu persoal proporciona información con solucións aos problemas fitosanitarios que, de non seren controlados, poden levar á diminución ou á desaparición dos cultivos, e analiza solos para poder asesorar sobre as correccións e fertilizantes adecuados para os cultivos. Entre as súas iniciativas figuran os limiares de tratamentos, as notificacións de primeiras deteccións de pragas, a análise de mostras, a elaboración de avisos fitosanitarios, un programa de doazón de especies vexetais para xardíns de acceso público, cursos formativos, proxectos de investigación ou un programa de visitas guiadas aberto a toda a cidadanía.

Ademais este centro dependente da Deputación dedícase tamén aos usos produtivos da camelia, principalmente té e aceite, cunha área de cultivo que suma 500 m2 e 300 plantas. No 2023 os seus xardíns acadaron a distinción de excelencia internacional en camelia e tamén se ten impulsado un Plan Estratéxico do Té para promover un modelo de produción sostible deste cultivo, entre cuxas accións atópase o rexistro da marca “TéAreeiro”.

Comparte este artigo