A Deputación destina preto de 60.000 euros para que 43 entidades sociais das comarcas do Deza e Tabeirós-Terra de Montes poidan realizar actividades culturais

adminON
Lectura mínima de 3

O presidente Luis López confirmou que as axudas oscilan entre os 500 e os 2.500 euros para actividades de posta en valor do patrimonio inmaterial da provincia tanto no territorio propio como no exterior

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou hoxe o reparto de preto de 60.000 euros para que 43 entidades ou asociacións sen ánimo de lucro de oito concellos das comarcas do Deza e Tabeirós-Terra de Montes poidan realizar actividades culturais. En total, as axudas oscilan entre os 500 e os 2.500 euros para actividades de posta en valor do patrimonio inmaterial da provincia. “Seguimos, desta maneira, apoiando a cultura e ao sector cultural da provincia. Estamos ao seu carón para que poidan poñer en marcha iniciativas que cheguen a todos os habitantes da provincia –explicou o presidente provincial, Luis López-. Porque o acceso á cultura debe ser universal, e queremos contribuír a iso”.

En concreto, trátanse de dúas liñas de subvencións, dotadas cun total de 290.000 euros que chegarán a 228 entidades de 45 concellos. A primeira, para a posta en valor do patrimonio inmaterial da provincia, tamén para festivais, mostras, encontros ou certames culturais, así como para actividades centradas na pintura, escultura, arquitectura e banda deseñada, conta cun orzamento de 250.000 € e dela beneficiaranse 188 entidades da provincia. A segunda liña, dotada de 40.000 euros, chega a 40 asociacións para que poidan participar en festivais, certames ou concursos nacionais e internacionais, ou para intercambios culturais que potencien o patrimonio musical e cultural da provincia pero que se celebren fóra de Galicia.

Nas comarcas do Deza e Tabeirós-Terra de Montes, 37 asociacións de oito concellos recibirán achegas da primeira das liñas por un total de 51.000 €: sete asociacións da Estrada contarán con 10.554 €; unha de Agolada, 1.191 €; cinco de Cerdedo-Cotobade, 5.021 €; unha de Forcarei, 907 €; nove de Lalín, 12.696 €, tres de Rodeiro, 3.761 €; oito de Silleda, 11.528 €, e tres de Vila de Cruces, 5.450 €. No caso da liña 2, son seis as asociacións de catro concellos das comarcas as que contarán cun total de 7.000 euros en axudas para as súas actividades culturais: dúas entidades da Estrada recibirán 2.756 €; unha de Agolada, 1.244 €; unha de Cerdedo-Cotobade, 861 €, e dúas de Lalín, 2.277 €.

Comparte este artigo