Luis López: “O noso obxectivo é facilitar a inserción no mercado laboral das persoas con discapacidade, que adoitan ter máis dificultades e índices máis elevados de desemprego”
Benefícianse destes recursos do programa +Emprega entidades da Guarda, Nigrán, Pontevedra, O Porriño, Vigo e Vilagarcía de ArousaA Deputación de Pontevedra destina preto de 70.000 €, un 22% máis que o pasado ano, á contratación de persoal en oito centros especiais de emprego situados na Guarda, Nigrán, Pontevedra, O Porriño, Vigo e Vilagarcía de Arousa ao abeiro de +Emprega. O presidente provincial, Luis López, subliñou que “o noso obxectivo, con esta iniciativa, é facilitar a inserción no mercado laboral das persoas con discapacidade, que adoitan ter máis dificultades e índices máis elevados de desemprego”.
En liñas xerais, os oito centros especiais de emprego beneficiarios desta liña de axudas provinciais recibirán entre os preto de 3.300 e os máis de 14.000 euros, en función do número de persoas con discapacidade contratadas. E, con estes recursos, tal e como informou López, as entidades poderán financiar os custos salariais das unidades de apoio e postos de dirección ou coordinación.
Ao detalle, reciben recursos de +Emprega San Jerónimo Emiliani SL (A Guarda), Juan María Empleo SL (Nigrán), a Asociación de Discapacitados Intelectuales Virgen de la O (Pontevedra), a Fundación para a Discapacidade e o Emprego Juan XXIII (Pontevedra), Lume Emprego para persoas con discapacidade intelectual SL (O Porriño), Grupo SIFU Galicia SL (Vigo), BATA Servizos Integrais á Comunidade SL (Vilagarcía de Arousa) e Servilar 2018 (Vilagarcía de Arousa).