A Deputación destina preto de 95.000 € a 17 estudantes de FP para que completen a súa formación no estranxeiro ao abeiro do programa Erasmus+

adminON
Lectura mínima de 3

Son alumnos da Estrada, As Neves, Pontevedra, Tomiño e Vigo que realizarán estadías de entre tres e catro meses en Portugal, Italia, Malta, Irlanda e Croacia

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar destinar 94.636 euros para que 17 graduados en ciclos medios de Formación Profesional da provincia poidan realizar prácticas laborais en empresas e institucións europeas, facilitando desta maneira a súa inserción laboral. Trátase da primeira mobilidade do programa Erasmus+ 2023, que conta cun orzamento total de 1,4 millóns de euros, dos que o SEPIE (o Servizo Español para a Internacionalización da Educación) aporta 1,2. Con esta nova saída, ata o momento xa son 32 as persoas que están a desfrutar das mobilidades internacionais do programa na edición de 2023, que aínda se está a desenvolver.

Estes 17 estudantes, que comezarán as súas prácticas a finais deste mes de abril, viaxarán a Portugal (3), Italia (7), Malta (3), Irlanda (3) e Croacia (1) para completar a súa formación, en estadías que terán unha duración de entre tres e catro meses. Segundo explicou o presidente provincial, Luis López, “as axudas variarán en función do país de destino e da duración da mobilidade, e van desde os 4.400 euros ata preto dos 6.350 €”. En concreto, trátanse de sete alumnos do Divino Maestro de Vigo, dous do IES Ricardo Mella de Vigo, dous do IES Audiovisual de Vigo, dous do CIFP A Xunqueira de Pontevedra, un do IES Antón Losada Dieguez da Estrada, un do CPR Daniel Castelao de Vigo, un do EFA Cancela de Vigo e un do IES Antón Alonso Ríos de Tomiño. En canto aos seus estudos, realizaron ciclos de FP de coidados auxiliares de enfermaría, xestión administrativa, vídeo DJ e son, carpintaría e moble, emerxencias sanitarias, informática básica de oficina, instalación e amoblamento e instalacións de telecomunicacións.

Con estas bolsas a Deputación de Pontevedra pretende proporcionar á mocidade apoio económico para facer fronte aos gastos de aloxamento, manutención, viaxe e transportes locais derivados da realización destas prácticas que buscan facilitar a transición ao mercado laboral. Deste xeito, as persoas participantes poden reforzar con estas estadías no estranxeiro as competencias vinculadas ao seu perfil profesional e adquirir experiencia, mellorando así as súas expectativas.

Comparte este artigo