O xefe de Emerxencias da institución provincial, José Ramón Sánchez Feijóo, participou esta mañá na reunión do Centro de Coordinación Operativa, recalcando que “a totalidade dos efectivos dispoñibles nos parques comarcais dependentes da Deputación están a pleno rendemento”
A Deputación ten mobilizados todos os seus medios materiais e humanos de emerxencias para colaborar coa Xunta de Galicia e co Estado na loita contra os lumes forestais que están a asolar a provincia. Así o puxo de manifesto o xefe de Emerxencias da institución provincial, José Ramón Sánchez Feijóo, logo da reunión celebrada no Centro de Coordinación Operativa (CECOP).
Así, os efectivos e medios materiais dos parques de bombeiros do polígono industrial de San Cibrao das Viñas, Xinzo, Verín, Valdeorras e O Carballiño están actualmente despregados por todos os puntos nos que hai lumes, entre eles Maceda e Chandrexa de Queixa declarados en situación 2 por atoparse preto de vivendas.
Ademais dos vehículos dos diferentes parques mobilizados, tamén se activou unha nodriza para facilitar a carga de auga os vehículos que traballan no incendio de Maceda. Do mesmo xeito, os medios provinciais están actuando en focos activos (Calveliño e Santiso, en Maceda; así como en A Mezquita), así como en alerta e servindo de apoio en lugares como Verín ou Carballiño.
“Desde a Deputación estamos en contacto permanente co CECOP e con todos os medios dispoñibles para colaborar e actuar en todos cantos lugares se nos requira”, sinala Sánchez Feijóo.