A deputada provincial Belén Cachafeiro visitou o concello, onde anunciou que a actuación estará financiada ao 100% con recursos do Plan +Provincia que aprobará proximamente
A deputada provincial Belén Cachafeiro anunciou este xoves en Silleda que a Deputación se encargará de financiar integramente a mellora de cinco vías situadas en distintas parroquias da localidade. O goberno provincial aprobará proximamente unha achega de máis de 104.000 euros para impulsar esta actuación con recursos procedentes do Plan +Provincia. Nesta anualidade, o programa provincial destina á vila un total de 898.537 € e, no caso da liña 1 de investimentos, a cifra de 628.976 €.
A deputada deu conta dos traballos que Silleda levará a cabo con estes fondos, que permitirán salvagardar a debida prestación do servizo público nestas cinco vías situadas nos lugares de Chapa (parroquia de Chapa), Sestelo (parroquia de Escuadro), Eirexe (parroquia de Moalde), Penanegra (parroquia do Castro) e Forcas (parroquia de Laro). Farase mediante a execución dunha nova capa de rodadura de aglomerado asfáltico, no caso de Chapa, Sestelo, Eirexe e Penanegra, e de formigón armado, no caso de Forcas.
Para mellorar a drenaxe lonxitudinal da plataforma, limparanse as cunetas de ambas as dúas marxes da calzada e perfilaranse os noiros para mellorar a evacuación das augas pluviais. Ademais, en Sestelo, Penanegra e Chapa realizaranse obras de drenaxe transversal e lonxitudinal mediante a instalación en gabia dunha canalización, arquetas e pozos, co fin de evacuar o fluxo de augas superficiais fóra da plataforma das vías.
Belén Cachafeiro subliñou que o Plan +Provincia é “o mellor exemplo de que a Deputación sempre está do lado dos concellos, escoitando as súas demandas e facendo fronte aos seus proxectos para conseguir avances que repercuten na mellora da calidade de vida da veciñanza”. A deputada provincial tamén lembrou que con este programa “estamos a impulsar actuacións tan importantes como a que hoxe anunciamos en Silleda, que non só modernizan as nosas vilas e pobos e melloran a calidade de vida da súa veciñanza, senón que promoven o avance do conxunto dunha provincia extraordinaria como é a de Pontevedra”.



