HomeO MorrazoCangasA Deputación destinará a Cangas do Morrazo máis de 124.500 euros para...

A Deputación destinará a Cangas do Morrazo máis de 124.500 euros para financiar integramente a mellora do Centro Cultural do Hío

- Anuncio -spot_img

A deputada provincial María Ramallo anunciou hoxe no concello que a actuación estará financiada ao 100% con recursos do Plan +Provincia que se aprobarán na Xunta de Goberno deste luns

A deputada provincial María Ramallo anunciou en Cangas do Morrazo que a Deputación se encargará de financiar integramente a reforma total do Centro Cultural do Hío. A Xunta de Goberno aprobará o próximo luns unha achega de máis de 124.500 euros para impulsar esta actuación con recursos procedentes da liña 1 do Plan +Provincia. Nesta anualidade, o plan destina á vila un total de preto de 1.196.000 € e, no caso da liña 1 de investimentos, máis de 837.000 €.

A deputada provincial deu conta dos traballos que Cangas do Morrazo realizará con estes fondos provinciais e que permitirán acometer unha intervención integral no Centro Cultural do Hío. Este espazo, coñecido como “escola vella do Hío”, funciona como biblioteca municipal e lugar de encontro, promoción da lectura e desenvolvemento de actividades lúdicas, formativas e de integración social. Para dar resposta ás necesidades actuais e incrementar a súa funcionalidade e atractivo, no exterior crearase unha zona de xogos infantís con elementos inclusivos e accesibles e una zona de descanso con mobiliario urbano e nova vexetación de baixo mantemento. Tamén mellorarase o seu acceso desde o aparcadoiro, reorganizaranse as redes de pluviais e iluminación, e substituiranse as árbores de gran porte. En canto ao interior, renovarase a pintura, instalarase un armario-almacén, melloraranse as ramplas con varandas e eliminaranse as barreiras arquitectónicas. Por último, instalarase un soportal de madeira para protexer a entrada das inclemencias meteorolóxicas.

María Ramallo lembrou que co Plan +Provincia “a Deputación de Pontevedra dá resposta ás demandas dos concellos, achegando recursos como nunca antes se fixera, para que poidan facer fronte a actuacións que transforman e modernizan as vilas da nosa provincia”. Así mesmo, a deputada provincial destacou que cos recursos deste programa “facemos realidade proxectos como o que se vai realizar no Centro Cultural do Hío, que non só mellora a calidade dos servizos prestados, senón que consolida o centro como un espazo de convivencia e participación activa da cidadanía na vida cultural da parroquia, especialmente no relativo á infancia”.

Publicacións Relacionadas