“Este é un goberno comprometido co deporte e avanza, de xeito imparable, para converter Pontevedra na provincia do deporte”, remarcou o presidente da Deputación Luis López
Ata 76 entidades de 24 concellos da provincia benefícianse desta liña de axudas do organismo provincial dotada con 900.000 €
A Deputación destinará preto de 150.000 euros a oito clubs deportivos de Cambados, Catoira, Meaño, Sanxenxo e Vilagarcía de Arousa que participan en competicións oficiais de ámbito estatal. En liñas xerais, son 76 as entidades de 24 concellos da provincia que se benefician desta liña de axudas do organismo provincial dotada con 900.000 €. “Este é un goberno comprometido co deporte e avanza, de xeito imparable, para converter Pontevedra na provincia do deporte”, remarcou o presidente da Deputación Luis López.
Na contorna do Salnés e Arousa benefícianse destas axudas provinciais o Club Cambados Tenis de Mesa de Cambados; o Kenne Den de Catoira; a Asociación Deportiva e Cultural ASMUBAL de Meaño; os clubs de Sanxenxo PC Salvamento Sanxenxo, Viajes Interrías Fútbol Feminino e Vilalonga FC; e o Club Arosa Sociedade Cultural e o Club Deportivo Agrupación Deportiva Cortegada de Vilagarcía de Arousa. Estas entidades, que representan modalidades deportivas como tenis de mesa, mushing, balonmán, salvamento, fútbol e baloncesto, recibirán contías que oscilan entre os 1.777 e os 35.000 euros.
Nesta semana, a Deputación de Pontevedra aprobou axudas para o deporte por valor de preto de 1,5 millóns de euros dirixidas tanto aos clubs que participan en competicións oficiais de ámbito estatal como a aquelas entidades deportivas que organizan eventos e competicións. Neste último caso, ata 153 clubs deportivos recibirán este ano 550.000 €, 50.000 € máis que o pasado ano, para organizar competicións deportivas federadas oficiais de todos os ámbitos territoriais.



