HomeDeputaciónsDeputación PontevedraA Deputación e a Coordinadora Galega de ONGD poñen en valor a...

A Deputación e a Coordinadora Galega de ONGD poñen en valor a cooperación por unha sanidade inclusiva no sur global nunha xornada celebrada no Edificio administrativo

- Anuncio -spot_img

A deputada de Benestar Social, Paula Bouzós, sinalou na inauguración de “Cando a cooperación sanda” o compromiso do goberno provincial coa defensa dos dereitos humanos e a promoción dun desenvolvemento humano sostible en todo o mundo

A Deputación de Pontevedra e a Coordinadora Galega de ONGD celebraron este luns no Edificio administrativo a xornada “Cando a cooperación sanda”, que puxo en valor os esforzos de cooperación global por garantir os dereitos a unha sanidade inclusiva nas comunidades do sur global. A xornada, que foi inaugurada pola deputada provincial de Benestar Social, Paula Bouzós, centrouse no proxecto CORESI que pon o foco na mellora da atención sanitaria, especialmente ás mulleres, en 25 comunidades hondureñas.

Paula Bouzós lembrou que esta xornada forma parte do proxecto “Somos Ponte”, no que colaboran ambas as dúas entidades e no que “falamos do que nos conecta co mundo a través do compromiso institucional e a solidariedade cidadá”. A deputada destacou que “a cooperación ao desenvolvemento demostrou con creces ser unha fórmula eficaz para vertebrar procesos de cambio que melloran a vida e os dereitos básicos de milleiros de persoas”, e sinalou o compromiso do goberno provincial á hora de poñer en marcha “solucións globais que impliquen a cidadanía e as institucións” para “defender os dereitos humanos, promover o desenvolvemento humano sostible en todo o mundo e traducir estas accións de sensibilización en máis solidariedade e máis compromiso”.

A xornada serviu como punto de encontro de organizacións do terceiro sector, colectivos, tecido asociativo e comunidade educativo para compartir experiencias e coñecementos. Arredor dunha conversa que ofreceu a posibilidade de coñecer non só o proxecto, senón tamén a experiencia da cooperación da man da enfermeira hondureña Yesenia Dolores Sauceda, que se atopa actualmente en Galicia como parte do proceso de formación que ofrece CORESI, e da galega Alia del Río, matrona no Hospital Provincial de Pontevedra, que puido formar parte do proxecto e viaxar a Honduras. Tamén participaron no faladoiro a presidenta da Coordinadora Galega de ONGD, María Paz, e o presidente da ONGD hondureña Sur en Acción, Mario Pinel.

O programa “Somos Ponte”, que desenvolven a Deputación e a Coordinadora Galega de ONGD, busca divulgar a importancia da cooperación ao desenvolvemento e dar visibilidade ao que une Pontevedra co sur global, así como poñer en valor o papel da Deputación en diversos proxectos de cooperación en países coma Mozambique, O Salvador, Guatemala ou Honduras, entre outros.

Publicacións Relacionadas