A Deputación e a Real Academia Galega de Ciencias poñen en marcha o V Ciclo de Conferencias Aida Fernández Ríos para achegar o coñecemento científico á sociedade

adminON
Lectura mínima de 5

A través deste programa organizaranse 14 conferencias no 2024: oito en formato seminario web dirixidas á cidadanía en xeral e cinco presenciais dirixidas aos centros educativos da provincia

As conferencias, que se desenvolverán entre abril e decembro, achegarán á sociedade cuestións relacionadas coa medicina, a sostibilidade, a selección de persoal, a Intelixencia Artificial, os descubrimentos astrónomos, a xenética ou a paleontoloxía

A Deputación de Pontevedra de Pontevedra acaba de poñer en marcha o V Ciclo de Conferencias Aida Fernández Ríos en colaboración coa Real Academia Galega de Ciencias. O obxectivo deste programa é achegar o coñecemento científico á sociedade a través dun total de 14 conferencias que se organizarán este 2024: oito en formato seminario web dirixidas á cidadanía en xeral (das cales unha será tamén presencial) e cinco presenciais nos centros educativos da provincia. As conferencias, que se desenvolverán entre abril e decembro, achegarán á sociedade cuestións relacionadas coa medicina, a sostibilidade, a selección de persoal, a Intelixencia Artificial, os descubrimentos astrónomos, a xenética ou a paleontoloxía.

O V Ciclo de Conferencias Aida Fernández Ríos comezará o 18 de abril coas charlas dirixidas á cidadanía en xeral.  En concreto, a primeira xornada terá lugar ás 19:00 horas con dúas conferencias: “Cribado neonatal: onde estamos e cara onde imos” a cargo de Mª Luz Couce Pico, xefa do servizo de Neonatoloxía e directora da Unidade de Diagnóstico e Tratamento de Enfermidades Metabólicas Conxénitas do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, e “VIH: Situación actual, avances e retos actuais” a cargo de Eva Póveda López, coordinadora do grupo de Viroloxía e Patoxénese.

O día 25 de abril Sebastián Villasante, doutor en Economía Aplicada e profesor da  Universidade de Santiago, impartirá a conferencia “Os alimentos mariños son cruciais para a saúde do planeta e benestar da humanidade” e o 16 de maio Fernando Salgado, catedrático de Psicoloxía do Traballo e RRHH e decano da Facultade de Relacións Laborais da Universidade de Santiago, falará sobre “O benestar psicolóxico, o equilibrio emocional e o desempeño no traballo”.

A “Aplicación da intelixencia artificial para o procesamento da linguaxe natural. Novas tendencias e desafíos actuais”  será outra das conferencias enmarcadas no V Ciclo de Conferencias Aida Fernández Ríos. Terá lugar o 23 de maio da man de Silvia García Méndez, integrante do Grupo de Tecnoloxías da Información, que forma parte de AtlantTTic, da Universidade de Vigo.

O 30 de maio Aurora Grandal, profesora titular de Paleontoloxía na Universidade da Coruña e directora do Instituto Universitario de Xeoloxía Isidro Parga Pondal, falará “De fósiles a humanos, unha historia de ida e volta” e finalmente o 6 de xuño rematarán as conferencias dirixidas ao cidadanía en xeral con dúas charlas: “Os biomateriais no combate do cancro”, a cargo de Bárbara Blanco, investigadora Ramón y Cajal no Departamento de Farmacoloxía, Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica da Facultade de Farmacia da Universidade de Santiago, e “Células CAR-T: novo paradigma no tratamento do cancro” a cargo de Mariona Baliu, responsable do Centro de Fabricación de Terapias Avanzadas de Galicia de Galaria.

Conferencias nos centros de ensino

O V Ciclo de Conferencias Aida Fernández Ríos contempla tamén cinco charlas dirixidas ao alumnado dos centros de ensino da provincia que imparten ESO, Bacharelato e ciclos formativos. Neste caso, as conferencias terán lugar entre maio e decembro e serán en formato presencial. Contémplanse charlas sobre “Intelixencia artificial nas nosas vidas”, a cargo de María José Carreira, profesora titular da área de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial da Universidade de Santiago; “Ser ou non ser hacker e o dilema dos sombreiros” a cargo de Manuel Caeiro, profesor titular de Enxeñaría Telemática da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo; “Medicamentos personalizados” a cargo de Carmen Álvarez, catedrática de Tecnoloxía Farmacéutica da Facultade de Farmacia da Universidade de Santiago de Compostela e académica da Real Academia Galega de Ciencias e da Real Academia de Farmacia de Galicia; “Exoplanetas e a nova ciencia de Astrobioloxía” a cargo de Minia Manteiga, catedrática de Astrofísica do Departamento de Ciencias da Navegación e Enxeñaría Mariña da Universidade da Coruña; e  “O impacto das sustancias cotiás no noso material xenético” a cargo de Vanessa Valdiglesias, profesora titular de Xenética na Universidade da Coruña e coordinadora do Grupo de Investigación en Nanotoxicoloxía  e Toxicoloxía Xenética do Centro de Investigación Científicas Avanzadas da mesma universidade.

Comparte este artigo