O presidente provincial, Luis Menor, comprometeuse a “ampliar a colaboración existente” dentro das posibilidades da Institución Provincial, salientando que “todo o investido no Campus de Ourense ten un retorno moi importante para a provincia”
O reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, agradeceu “a xenerosidade da Deputación”, poñendo en valor que grazas á cooperación institucional, “a Universidade de Vigo está presente en toda a provincia”
A Deputación e a Universidade de Vigo consolidaron en xuño de 2024 a súa cooperación en materia de turismo e difusión cultural por valor de 300.000 euros. Deste xeito, o presidente provincial, Luis Menor, visitou esta mañá o Campus de Ourense e a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, en compañía do reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa; do vicerreitor Francisco Javier Rodríguez Rajo e do decano Jesús Vázquez, co obxecto de analizar o desenvolvemento desta cooperación.
Menor recalcou que a colaboración e o entendemento institucional é “total” entre a Deputación e a Universidade de Vigo grazas “ao estupendo equipo reitoral”. Precisamente, Menor quixo felicitar aos dirixentes universitarios “por conseguir algo milagroso como que o Campus de Ourense sexa o único de Galicia que medra, algo que é un orgullo”. Neste eido, o presidente provincial deixou patente a súa importancia como motor “que brinda coñecemento e desenvolvemento á nosa provincia”, polo que anunciou que a cooperación institucional da Deputación será ampliada dentro das posibilidades da institución provincial.
Na visita púxose de manifesto tamén a importancia do Campus de Ourense como vector no futuro da mocidade e do seu desenvolvemento como profesionais, non só polo seu aspecto académico de excelencia, senón tamén polas sinerxias establecidas con empresas da provincia. “Se o alumnado vén ao Campus de Ourense é porque as cousas aquí se fan ben”, expresou Menor.
O reitor, Manuel Reigosa, agradeceu a “xenerosidade” da Deputación na súa colaboración, recalcando que deste xeito queda garantido o desenvolvemento de accións en materia turística e de promoción, así como que a Universidade de Vigo “esté presente en toda a provincia”.
Obxectos da colaboración
O primeiro dos convenios asinados entre a Deputación e a Universidade de Vigo está orientado á promoción da formación en turismo, cunha dotación provincial de 80.000 euros. Contempla a dotación de actividades para fomentar o turismo na provincia, asociado sobre todo ao termalismo e o reto demográfico, cunha campaña promocional para atraer alumnado ao Campus de Ourense.
O segundo convenio, dotado con 220.000 euros, está destinado á promoción e o fomento de actuacións e programas en materia de cultura, educación e deporte e que redunden en beneficio da sociedade e do interese xeral da provincia. Accións centradas na mobilidade, grupos de investigación, achegas moi importantes para actividades de extensión cultural, axudas relacionadas co estudantado no rural ou bolsas para investigación, completan o seu contido.