Esta iniciativa cumpre unha década consolidada como espazo estable de encontro e impulso do tecido empresarial ourensán, destacando Luis Menor a súa importancia “á hora de contar con aliados estratéxicos para o desenvolvemento da provincia”
O director xeral do Círculo, Agustín Riobó, destacou que Ourense en Círculo “é froito dunha colaboración estable e leal entre institucións e empresas, que leva dez anos xerando valor real para o territorio”
A Deputación de Ourense e o Círculo de Empresarios de Galicia mantiveron esta mañá no Pazo Provincial un encontro institucional no marco da colaboración que ambas entidades veñen desenvolvendo arredor do programa Ourense en Círculo, unha iniciativa que cumpre dez anos de traxectoria consolidada como ferramenta de dinamización e impulso do tecido empresarial da provincia.
Nesta reunión de traballo participaron, ademáis do presidente e a vicepresidenta primeira da Deputación, Luis Menor e Marta Nóvoa; o director xeral e a responsable de marketing do Círculo, Agustín Riobó e Bilgai Epstein; así como os membros da xunta directiva deste colectivo Emilio Rial (director xeral de Coren) e Dora Casal (CEO de Roberto Verino); así como o socio do Círculo Aníbal Blanco (CEO de Transportes Aníbal Blanco).
Durante o encontro púxose en valor a relación crecente entre o Círculo e a Deputación, “intensificada nos últimos anos como espazo de diálogo estable co tecido empresarial galego, así como a importancia de contar con aliados estratéxicos para pensar Ourense en clave económica e empresarial”, recalcou o presidente provincial, Luis Menor.
A reunión permitiu facer balance dunha década de percorrido dun programa que se consolidou como un foro estable de encontro entre empresas, directivos e expertos, cunha programación continuada centrada en ámbitos clave como a innovación, a transformación dixital, o liderado, a xestión do talento, a sustentabilidade e a competitividade.
O presidente da Deputación, Luis Menor, defendeu Ourense como un territorio de oportunidades para o investimento, o emprendemento e o crecemento empresarial, subliñando que a provincia ofrece condicións competitivas como solo dispoñible, recursos, talento, calidade de vida e apoio institucional. Neste senso, destacou a vontade da institución provincial de seguir traballando para posicionar Ourense como un territorio amable para emprender, investir e desenvolver proxectos.
Menor incidiu tamén no papel da Deputación como axente activo na creación dun entorno favorable para a actividade económica, “apostando por acompañar, facilitar e conectar ao tecido produtivo a través de políticas orientadas á mellora de infraestruturas, a formación, a dixitalización, a cooperación e a atracción de investimentos”.
Ao longo destes dez anos, Ourense en Círculo achegou á provincia unha actividade regular de xornadas, encontros profesionais e sesións de reflexión estratéxica, favorecendo o intercambio de coñecemento, a creación de redes empresariais e a conexión de Ourense co conxunto do ecosistema económico galego, no marco dunha colaboración público-privada sostida no tempo.
Colaboración estable e leal
Desde o Círculo de Empresarios de Galicia púxose en valor o respaldo institucional da Deputación de Ourense a esta iniciativa. O director xeral do Círculo, Agustín Riobó, destacou que Ourense en Círculo “é froito dunha colaboración estable e leal entre institucións e empresas, que leva dez anos xerando valor real para o territorio”.
A reunión permitiu tamén abordar posibles liñas de cooperación futura en ámbitos como a dixitalización, a innovación, a formación e a retención de talento, o desenvolvemento territorial e a captación de investimentos, coincidindo ambas as partes na importancia de fortalecer a colaboración público-privada para xerar emprego, fixar poboación e impulsar o crecemento económico da provincia.
Tras dez anos de traxectoria, o programa Ourense en Círculo encara unha nova etapa cunha vocación clara de seguir achegando coñecemento, reflexión estratéxica e conexión ao tecido empresarial ourensán, no marco dunha colaboración institucional que ambas entidades manifestaron a súa vontade de seguir fortalecendo.



