O deputado provincial Javier Tourís e o alcalde da Lama, David Carrera, reuníronse para fixar o alcance dos traballos a realizar
A Deputación de Pontevedra colaborará co Concello da Lama para a creación dunha comunidade enerxética local a través da Oficina de Transformación Comunitaria da institución provincial +Renovables. O deputado provincial Javier Tourís e o alcalde da Lama, David Carrera, reuníronse esta mañá para avanzar na elaboración do estudo para a comunidade enerxética local e fixar o alcance dos traballos a realizar no marco desta iniciativa.
Tourís recordou que a Oficina de Transformación Comunitaria +Renovables, financiada cos fondos NextGenerationEU, está a disposición dos concellos da provincia para prestar servizos de acompañamento, asesoramento e formación. En concreto, o deputado provincial explicou que a través da oficina daráselles acompañamento especializado para avaliar o potencial do proxecto de constitución da comunidade enerxética e identificar a mellor forma xurídica para a súa xestión e as mellores formas de financiamento. Tamén prestará asesoramento para a redacción dos estatutos e normas de participación, así como para localizar e deseñar os proxectos de xeración eléctrica e redactar o proxecto de execución. Ademais, Tourís engadiu que +Renovables inclúe accións de formación tanto para os xestores da comunidade enerxética como para o persoal do propio concello.
A comunidade enerxética da Lama prevé estar aberta á veciñanza, comercio e hostalería local que así o desexe, sempre que se atope nun radio máximo de 2 kilómetros en relación ao punto de produción da enerxía fotovoltaica. A intención do Concello é poñer a disposición da comunidade enerxética local as cubertas dos edificios de titularidade municipal para a instalación dos paneis fotovoltaicos. O aproveitamento desta enerxía supón un considerable aforro nas facturas enerxéticas das persoas que participen da comunidade, xa que os paneis xerarán enerxía para autoconsumo colectivo o que suporá reducir as facturas de gasto enerxético das persoas integradas no proxecto, especialmente para aquelas en situación de vulnerabilidade.