HomeDeputaciónsDeputación PontevedraA Deputación e o CSIC organizan no Museo de Pontevedra a xornada...

A Deputación e o CSIC organizan no Museo de Pontevedra a xornada “Facedoras de Cultura. Xornadas Internacionais de Estudos Transatlánticos”

- Anuncio -spot_img

As xornadas terán lugar no Edificio Castelao entre o 8 e o 10 de xullo poñendo a atención no papel fundamental que desenvolveron as mulleres nas relacións culturais producidas entre España e América ao longo do século XX

A Deputación de Pontevedra e o Instituto de Historia do CSIC organizan a próxima semana no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra “Facedoras de Cultura. Xornadas Internacionais de Estudos Transatlánticos”. As xornadas terán lugar entre os días 8 e 10 de xullo e nelas abordarase, desde unha perspectiva ampla e con especial interese nas artes visuais e sonoras, o papel fundamental que desenvolveron as mulleres nas relacións culturais producidas entre España e o continente americano ao longo do século XX.

O programa das xornadas articúlase arredor de tres liñas temáticas: o espazo transatlántico como contorna de mobilidade e intercambio durante o século XX, a experiencia de mulleres vinculadas a Galicia, e a valoración de creacións de artesanía ou prácticas artísticas en soportes non convencionais. As xornadas contarán coa participación de persoas expertas como Gloria Cortés Aliaga, historiadora feminista da arte e conservadora do Museo de Belas Artes de Chile, ou as artistas transatlánticas Gloria García Lorca e Violeta Quispe. Ademais dos relatorios, as xornadas inclúen un obradoiro coa ilustradora e autora de cómic Bea Lema, Premio Nacional de Cómic 2024, ou un concerto de Paulina y el Buscapié, liderado por Paulina Tenorio, cantante oaxaqueña de orixe galega.

“Facedoras de Cultura. Xornadas Internacionais de Estudos Transatlánticos” está dirixida a persoas con intereses culturais, históricos ou artísticos, así como a profesionais da creación artística e da xestión cultural ou museística, ademais de á comunidade académica con especial interese nos estudos transatlánticos e de xénero, que poderán participar de maneira presencial no salón de actos do edificio Castelao do Museo. Poden solicitalo a través do sitio web do CCHS (Centro de Ciencias Humanas e Sociais do CSIC) por medio dun formulario, ao que poden acceder tamén desde o portal do Museo de Pontevedra, así como consultar o programa completo.

Estas xornadas organízanse no marco del proxecto Hacedoras de Cultura. Conexiones e intercambios artísticos transatlánticos en el siglo XX (PID2022-142633OA-I00, financiado por MCIU/AEI/10.13039/501100011033/“FEDER Una manera de hacer Europa”).

Publicacións Relacionadas