Trátase dunha iniciativa para proxectar a identidade galega a nivel global, cunha especial atención á conexión co universo lusófono e as relacións Galicia-Portugal
A Deputación de Pontevedra e o Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI) acaban de poñer en marcha o proxecto “Tecer pontes co mundo, construír pontes coa lusofonía”. Trátase dunha iniciativa para proxectar a identidade galega a nivel global, cunha especial atención á conexión co universo lusófono e as relacións Galicia-Portugal, que contempla a actualización do estudo “A Deputación de Pontevedra e a acción exterior de Galicia”, a celebración do webminar “A acción exterior de Galicia e a Deputación de Pontevedra: boas prácticas para os concellos” e a II Gala da Lusofonía.
O estudo “A Deputación de Pontevedra e a acción exterior de Galicia” identifica os eixos tradicionais e actuacións da institución provincial en materia de acción exterior e proxección internacional do territorio, así como as potencialidades da mesma nas súas relacións cos concellos, coa Xunta de Galicia, o Estado e a Unión Europea. O informe atenderá de maneira particular as posibilidades do organismo provincial no marco da Lei de Acción Exterior e Cooperación ao Desenvolvemento de Galicia (2021), así como da incorporación de España como observador na Comunidade de Países de Lingua Portuguesa (2021) ou a recente constitución do Observatorio da Lusofonía Paz Andrade da Xunta de Galicia.
Ademais, o proxecto “Tecer pontes co mundo, construír pontes coa lusofonía” tamén contempla a celebración do webminar “A acción exterior de Galicia e a Deputación de Pontevedra: boas prácticas para os concellos”, que terá lugar o 20 de novembro entre as 18:00 e as 20:00 horas e vai dirixido aos representantes políticos e técnicos tanto da institución provincial como dos concellos da provincia. Nesta sesión afondarase nas boas prácticas para os municipios en materia de proxección exterior, ofrecendo unha panorámica sobre o marco normativo galego ou o potencial do idioma portugués como ponte cultural e comercial. Deste xeito achegarase información sobre a historia e o marco institucional da Acción Exterior de Galicia, do Libro Branco da Acción Exterior á Lei de Acción Exterior e Cooperación ao Desenvolvemento de Galicia, así como o impacto da Lei para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía ou a presentación da Guía de Boas Prácticas para os concellos nesta materia. As inscricións están abertas neste formulario.
Finalmente, o proxecto culminará coa II Gala da Lusofonía que terá lugar o 23 de novembro ás 20:00 horas no Centro Cultural da Guarda baixo o título “A República dos Soños: Non somos o mesmo país, pero non somos estranxeiros”. Será presentada pola xornalista Esther Estévez e combinará música, entrevistas e conexións internacionais para celebrar a irmandade entre Galicia e o mundo lusófono. Para inscribirse é preciso cubrir o seguinte formulario.