HomeDeputaciónsDeputación PontevedraA Deputación e o Mosteiro de Armenteira colaboran no estudo de produtos...

A Deputación e o Mosteiro de Armenteira colaboran no estudo de produtos de cosmética elaborados con aceite de camelias da provincia de Pontevedra

- Anuncio -spot_img

O deputado da Estación Fitopatolóxica Areeiro, Javier Tourís, mantivo unha xuntanza de traballo no Mosteiro de Armenteira na que adiantou que nas próximas semanas se asinará un convenio de colaboración entre ambas entidades para aplicar os derivados da camelia na saúde e coidado da pel

Areeiro é a primeira entidade de Europa en poñer a punto a técnica de extracción en frío de aceite de camelia para obter un produto de calidade moi recoñecido no sector cosmético

A Deputación de Pontevedra e o Mosteiro de Armenteira están a colaborar para avanzar no estudo de produtos de cosmética elaborados con aceite de camelias da provincia de Pontevedra. En concreto, o deputado da Estación Fitopatolóxica Areeiro, Javier Tourís, mantivo unha xuntanza de traballo no Mosteiro de Armenteira na que adiantou que se asinará un convenio de colaboración entre ambas entidades nas próximas semanas, con vixencia para os vindeiros catro anos, para aplicar os derivados da camelia na saúde e no coidado da pel.

Areeiro é a primeira entidade de Europa en poñer a punto a técnica de extracción en frío de aceite de camelia empregando sementes dos xardíns da provincia e a través deste acordo está a analizar as posibilidades de promover produtos diferenciables, de calidade e moi recoñecidos no sector cosmético, así como a impulsar a economía da provincia da man da agricultura sostible. Ao detalle, este centro da Deputación de Pontevedra está a estudar as posibilidades das plantacións de camelia e as sementes producidas, o rendemento por planta e por hectárea, o tempo que tardan en estar en plena produción e a calidade do aceite producido, analizando as súas principais características químicas e as posibilidades para fabricar novos produtos cosméticos, especialmente xabóns, xampús, cremas ou bálsamos labiais.

Pola súa banda, o Mosteiro de Armenteira está rexistrado para fabricar xabóns e produtos de perfumería e segue todos os controis de calidade obrigatorios na lexislación actual deste sector. Debido á calidade do aceite de camelia feito en Pontevedra e os beneficios para a saúde, especialmente no coidado da pel, pretende a través deste acordo coa Deputación de Pontevedra ofrecer produtos elaborados con aceite obtido de sementes das súas camelias.

Publicacións Relacionadas