A artista traballou nos últimos meses cos cativos e cativas do centro para crear unha obra que cubre os corredores da escola e que se enmarca dentro da programación “Seguimos con todas e para todas” deseñada pola institución provincial con motivo do 8 de marzo
A deputada de Igualdade, Sandra Bastos, acaba de inaugurar o novo mural da artista viguesa Pilar Alonso no Centro Agarimo de Príncipe Felipe. Unha iniciativa enmarcada dentro da programación “Seguimos con todas e para todas”, que a Deputación de Pontevedra ten en marcha para conmemorar o 8 de marzo, Día Internacional da Muller, para “reafirmar que o noso compromiso coa igualdade é irrenunciable”.
No deseño do mural, que que xa enche de “luz e cor” un dos corredores interiores do Centro Agarimo, participaron os propios alumnos e alumnas, co fin de traballar a coaeducación e a igualdade entre mulleres e homes. “Somos moi conscientes de que a educación é un dos piares fundamentais para acadar unha sociedade equitativa –asegurou a responsable provincial de Igualdade-. Por iso imos seguir promovendo accións como esta, que fomentan a igualdade e a transversalidade da perspectiva de xénero no ámbito educativo”.
Para a realización do mural, e co fin de representar a realidade do Centro Agarimo, os alumnos e alumnas crearon en primeiro lugar os seus propios avatares e, entre todos, votaron os mellores para plasmalos no mesmo. Por iso, Sandra Bastos agradeceu á artista, Pilar Alonso, “o teu compromiso, cariño e paciencia infinita” para crear “unha auténtica obra de arte” na que os avatares pensados e deseñados polo alumnado ocupan o espazo central.
A viguesa Pilar Alonso é unha artista multidisciplinar, se ben destaca no debuxo, a pintura, a escultura e a instalación. Licenciada en Belas Artes pola Universidade de Sevilla, foi becada no Paular de Segovia e cursou estudos de posgrado na Städelschule de Frankfurt co artista Per Kirkeby. Ao longo da súa carreira ten exposto en galerías e espazos de España e Alemaña. O proceso vital é o eixo central do seu traballo; o universo feminino e a nenez, protagonistas; e o evocativo, un elemento central no seu fundamento creativo. Na súa obra, organizada en diferentes series, aparecen personaxes inventados, adscritos a etapas vitais, que fan que o seu traballo sexa aínda máis narrativo e cinematográfico.

