O vicepresidente segundo, César Fernández, fixo entrega destes elementos de seguridade obrigatorios para os deportistas ata os 18 anos
A institución ourensá adquiriu estes materiais a unha empresa galega especializada, a través da colaboración coa Federación Galega de Piragüismo
“O nome da provincia de Ourense viaxará por todo o territorio nacional”, valora Fernández
A Deputación de Ourense entrega chalecos salvavidas a todos os clubs de piragüismo da provincia. O vicepresidente segundo e deputado de Deporte, César Fernández, fixo a entrega destes elementos de seguridade, cuxo uso no piragüismo é obrigatorio en todos os deportistas ata os 18 anos, tanto nas competicións como nos adestramentos. Á entrega tamén asistiu Fredi Bea, presidente da Federación Galega de Piragüismo xunto con deportistas de cada club ourensán.
Estes chalecos salvavidas, adquiridos a unha empresa galega especializada en material deportivo náutico, son parte da colaboración entre a Deputación de Ourense e a Federación Galega de Piragüismo na presente tempada.
Levan o logotipo da Deputación na parte dianteira e o da federación nas costas, ademais foron personalizados coa cor base da indumentaria de cada club provincial.
Estes chalecos son un elemento de uso diario nos clubs de piragüismo, polo que se usarán en todas as competicións ás que asistan os piragüistas ourensáns tanto a nivel provincial, como autonómico e nacional. “Co cal, levará o nome da nosa provincia e da Deputación por todo o territorio nacional”, valora César Fernández.
Coa entrega deste material deportivo, tanto a Deputación como a Federación, queren contribuír á práctica deportiva e seguridade dos piragüistas da provincia, xa que estes chalecos son material deportivo altamente especializado. Entre outros aspectos de calidade, están especialmente deseñados anatómica e funcionalmente para adestramento e competición de piragüismo, adaptados á talla e peso de cada deportista.