Aínda quedan prazas para outras actividades e obradoiros e as inscricións están abertas no sitio web da institución provincial
A Deputación de Pontevedra esgotou todas as prazas dispoñibles para participar en catro das actividades complementarias á exposición O Bosque dos Contos que se desenvolverán na sede da Deputación en Vigo. Concretamente, colgaron o cartel de completo o club de lectura “Os contos do lobicán”, de Eva Mejuto, destinado a cativada de entre 6 a 12 anos; os obradoiros para nenos e nenas de 5 a 10 sobre xoguetes ópticos, a cargo de Carmen Pintos, sobre debuxo tolo, da man de Berto Fojo; e a actividade de escritura divertida, destinada a rapazada de 8 a 12 anos, que desenvolverá María Lado.
Aínda quedan prazas para participar nas actividades deste sábado, 15 de novembro, para as que se poden formalizar as inscricións no sitio web da institución provincial. Trátanse do club de lectura para rapaces e rapazas de 9 a 12 anos “Como escorrentar un lobo”, de Antonio Manuel Fraga, que contará cunha segunda sesión o 6 de decembro; e do obradoiro de colaxe para cativada de 5 a 10 anos, a cargo de Diego Estebo. Tamén quedan prazas dispoñibles para o club de lectura “Conta miña compañeira”, de María Lado, dirixido a nenos e nenas a partir de 11 anos que terá lugar en dúas sesións o 22 de novembro e o 13 de decembro; así como as dos obradoiros para pequenos e pequenas de 5 a 10 anos sobre kamishibai, da man de Natalia Umpiérrez, e de autorretrato, a cargo de Iván R., que se desenvolverán o 29 de novembro e 20 de decembro, respectivamente, en horario de tarde.
A exposición O Bosque dos Contos inaugurouse o pasado 3 de novembro na sede da Deputación en Vigo, enmarcada dentro da programación do Hematofesti, e permanecerá aberta ao público ata 11 de xaneiro. A mostra, que toma o seu título da obra homónima escrita por Miguel López ‘Hematocrítico’ e ilustrada por Alberto Vázquez, ofrece un percorrido visual polas ilustracións dos tres primeiros contos publicados por estes dous autores. A exposición complétase cun punto de lectura onde o público poderá gozar destes tres magníficos contos e dunha proxección audiovisual na que o propio Hematocrítico narra unha das súas obras. Unha experiencia directa, didáctica e lúdica que convida á escoita activa e á participación, así como á dinamización da lectura e á iniciación da infancia na ilustración e na escrita.



