A ruta, impulsada da man de SEO/BirdLife, celebrarase o domingo 2 de febreiro e desenvolverase pola Foz da Ramallosa e Praia América, onde se poden observar aves limícolas, gaivotas, garzas, aguias pescadoras e carráns cristados
A Deputación de Pontevedra esgotou este luns en media hora as 25 prazas dispoñibles para participar na primeira das rutas ornitolóxica deste ano do programa Voando nas Rías Baixas, que terá lugar o domingo 2 de febreiro na Foz da Ramallosa e Praia América, en Nigrán. En colaboración de novo coa asociación SEO/BirdLife, esta será a primeira das sete rutas ornitolóxicas do 2025 para sensibilizar a poboación sobre os recursos culturais e naturais da provincia de Pontevedra e a importancia de conservar o medio natural.
A Foz da Ramallosa é un espazo intermareal que se atopa entre os concellos de Nigrán e Baiona (no esteiro do río Miñor) protexido pola Rede Natura 2000, de alto valor ecolóxico e óptimo para a observación de aves tanto polo preto que se poden avistar como tamén polo confiadas que se mostran cara ao ser humano. Nela salientan as limícolas (mazaricos, biluricos, pilros…), a variedade de gaivotas, diferentes especies de garzas ou aves mariñas como os carráns cristados. Tamén é posible atopar a aguia pescadora, que se achega a este esteiro para pescar.
O percorrido será ofrecido por dúas guías de ornitoloxía de SEO/BirdLife e inclúe un autobús tanto para o desprazamento coma para a visita da zona na que ten lugar a actividade, e recoméndase levar roupa cómoda e calzado apropiado. Cada participante terá á súa disposición unha guía de aves, prismáticos e dous telescopios terrestres de alta gama para poder gozar das aves sen molestalas.
Despois desta primeira ruta, o calendario de actividades de Voando nas Rías Baixas en 2025 continúa coa ruta da costa sur da ría de Arousa (Cambados e Vilanova de Arousa), que se celebrará o 9 de marzo. En terceiro lugar, as Brañas de Xestoso (Forcarei e Silleda), o 25 de maio, e posteriormente a ruta da praia da Lanzada (O Grove e Sanxenxo) o 22 de xuño. O 28 de setembro celebrarase a ruta dos campos e lagoas de Rouxique (Sanxenxo), que irá seguida da do esteiro do río Lérez e a Intermareal Combarro-Lourido (Poio e Pontevedra), o 9 de novembro, e en último lugar a ruta da enseada de San Simón (Pontevedra, Soutomaior e Vilaboa), pechando o calendario da edición o 14 de decembro.