O proxecto, proposto polos herdeiros do escritor, “encaixa perfectamente no ADN da Deputación e nunha provincia culta por excelencia na que o poeta limiao ocupa un lugar especial”, afirmou Manuel Baltar tras reunirse cos representantes da familia
O espazo literario, que sería pioneiro en Galicia polo seu carácter público, non só facilitaría a conservación e protección do inmoble, senón que contribuiría tamén a poñer en valor a figura e o legado literario do escritor, “merecente de ser homenaxeado cun Día das Letras Galegas”, destacou o presidente provincial
A Deputación de Ourense está a estudar a creación dunha residencia literaria na casa natal de Antón Tovar, situada na localidade de Pereira (Rairiz de Veiga), no marco dun proxecto promovido polos herdeiros do poeta e que “encaixa perfectamente no ADN da Deputación e nunha provincia culta por excelencia na que o escritor limiao ocupa ademais un lugar especial”, afirmou o presidente Manuel Baltar trala reunión que mantivo no Pazo Provincial cos representantes da familia, Xulio e Domingo Bobillo.
“Estamos estudando con moito interese esta proposta, pioneira en Galicia polo seu carácter público, pois mediante a fórmula de cesión permitiría contar cunha nova infraestrutura cultural nunha comarca senlleira como A Limia”, sinalou Manuel Baltar logo de escoitar os detalles do proxecto, para o que tamén está en conversas co Concello de Rairiz de Veiga. Nesta liña anunciou que na compaña da alcaldesa, Asunción Morgade, e dos herdeiros realizará unha visita ao inmoble “para comprobar in situ as posibilidades dunha construción que data de 1810 e foi catalogada en 2009 como Ben de Interese Cultural en Rairiz de Veiga”.
Coa intención de imprimir axilidade ao proxecto, “o que permitiría iniciar as obras de acondicionamento o próximo ano”, a creación dunha residencia literaria non só facilitaría a conservación e protección da casa natal de Antón Tovar, senón que contribuiría tamén a poñer en valor a figura e o legado literario do escritor, “merecente de ser homenaxeado cun Día das Letras Galegas”, destacou Manuel Baltar.
A familia do poeta limiao expresou o seu agradecemento ao presidente provincial pola receptividade a súa proposta, que inclúe tamén como obxectivos fomentar o estudo e a investigación da obra do literato, apostar pola cultura como factor de desenvolvemento socioeconómico no rural, promover o turismo cultural e produción da escrita creativa, sobre todo entre a mocidade.
Unha “Casa Grande” dedicada a usos agrícolas e comercio
A “Casa Grande” dos Bobillo, como así se coñece á vivenda na que naceu Antón Tovar, correspóndese “cun complexo agroresidencial que evidencia cal era o principal labor dos seus habitantes: a actividade agrogandeira”, reflicte a memoria entregada ao presidente provincial. Un documento que recolle outro dos usos do inmoble, destacando o Comercio Bobillo situado nos baixos da casa como “un dos máis importantes da comarca da Limia, que estivo aberto desde o último terzo do século XIX ata 1966”. Unha proba da súa relevancia é a réplica da tenda que se pode contemplar no Museo Etnográfico da Limia, en Vilar de santos. Desde hai case dúas décadas, os herdeiros do poeta veñen traballando no deseño de diversos proxectos que, como fin último, están dirixidos á conservación do inmoble para destinalo a usos culturais.
Tovar, poeta inconformista
Antón Tovar (Pereira, 1921 – Ourense, 2004), Fillo Predilecto de Rairiz de Veiga e membro de honra da Real Academia Galega, escribiu o seu primeiro poemario Barro de nadie en 1955, aínda que permaneceu inédito ata 1987 cando a Deputación de Ourense recolleu nun libro a súa produción lírica española. No ano 1959 gaña o Premio de Poesía Marina, convocado pola Deputación de Ourense, con El tren y las cosas, ilustrado por Arturo Baltar, obra considerada como un dos seus mellores libros de poesía española.
Tal e como recolle o Álbum de Galicia do Consello da Cultura Galega, o ano 1962 marca a consagración do poeta inconformista galego co libro Arredores, que encerra toda a súa diversidade temática: “A angustia, o pesimismo, a relixión, Deus, a soidade, a palabra, o sufrimento, a rebeldía, a identidade, etc”. Con Calados esconxuros (1980), Antón Tovar gaña o Premio da Crítica de 1981 e con Berros en voz baixa (1990) o Premio de Creación Losada Diéguez.