HomeDeputaciónsDeputación PontevedraA Deputación homenaxeará no Museo de Pontevedra a Isaac Díaz Pardo polo...

A Deputación homenaxeará no Museo de Pontevedra a Isaac Díaz Pardo polo Día das Artes Galegas cunha conferencia e un obradoiro infantil

- Anuncio -spot_img

A inscrición ao obradoiro, que se celebrará o domingo 6 de abril e está dirixido a nenas e nenos a partir de 6 anos, abre este xoves, 27 de marzo, a partir das 10:00 h

Este ano o Día das Artes Galegas está dedicado a Isaac Díaz Pardo, artista e home de acción, figura fundamental da cultura galega do século XX. Para homenaxear a súa figura, o Museo organiza unha conferencia a cargo do escritor e investigador Xosé Ramón Fandiño e un obradoiro para nenas e nenos a partir de 6 anos, impartido por Taller Abierto.

O obradoiro “Creatividade e Tradición: Isaac Díaz Pardo e a súa Obra Plástica” desenvolverase o domingo 6 de abril, de 11:30 a 13:00 h, no Edificio Castelao. Trátase dunha actividade creativa na que as nenas e nenos participantes farán un percorrido pola traxectoria artística de Díaz Pardo e explorarán o seu universo plástico para recoñecer os trazos principais do seu estilo. O obradoiro será impartido por Taller Abierto.  A inscrición abre este xoves 27 de marzo, ás 10:00 h, a través de Whatsapp, no número 617 340 323 de Taller Abierto.

Antes, o xoves 3 de abril ás 19:00 h no Edificio Castelao, celebrarase a conferencia “Isaac Díaz Pardo. Memoria do compromiso”, impartida por Xosé Ramón Fandiño. Investigador e escritor, Fandiño é membro do padroado do Museo do Pobo Galego. Foi estreito colaborador de Díaz Pardo e é autor da biografía “Isaac Díaz Pardo. A patria enteira na memoria” (Ir Indo, 2008) e editor de “O Ollar clarividente de Isaac Díaz Pardo. Colaboracións xornalísticas (1963-2009)” (Andavira Editora, 2018).

O Día das Artes Galegas foi instituído pola Real Academia Galega de Belas Artes para homenaxear unha figura destacada das nosas artes. Dedicado este ano a Díaz Pardo, en edicións anteriores homenaxeo ao Mestre Mateo, Castelao, Maruja Mallo, Daniel de la Sota, Luis Seoane, Domingo de Andrade, Laxeiro, Martín Codax e Francisco Asorey.   

Publicacións Relacionadas