A institución súmase por décimo segundo ano consecutivo á iniciativa promovida por ANEDIA, Asociación de nenas, nenos, xente nova e adulta con diabetes de Galicia
A Deputación de Pontevedra tinguirá de azul o Pazo provincial desde as 20:30 horas deste xoves 13 de novembro ata ás 7:30 horas da mañá do venres 14 de novembro ao abeiro da conmemoración do Día Mundial da Diabetes, que se celebra o 14 de novembro. A institución provincial súmase así, por décimo segundo ano consecutivo, á iniciativa promovida por ANEDIA, Asociación de nenas, nenos, xente nova e adulta con diabetes de Galicia.
O Día Mundial da Diabetes conmemórase cada 14 de novembro para dar visibilidade a esta enfermidade autoinmune de carácter crónico. Estímase que o 14% da poboación española a padece, arredor de 6 millóns de persoas, mentres que Galicia conta con arredor de 100.000 persoas afectadas e é unha das comunidades con máis casos sen diagnosticar. O Pazo provincial iluminarase de azul como xesto de solidariedade e compromiso coas persoas que sofren esta doenza.
A incidencia da diabetes aumenta ano tras ano tanto na de tipo 1 coma na de tipo 2 (a máis común, que abrangue máis do 90% dos casos), de xeito que se estima que o número de persoas que conviven con diabetes tipo 1 duplicarase no ano 2040.



