O presidente provincial, Luis Menor, mantivo unha reunión co alcalde de Xunqueira de Espadanedo, Pablo Graña, e coa xerente do Inorde, Emma González, para avanzar nun proxecto que busca reforzar a artesanía tradicional da Ribeira Sacra
A Deputación de Ourense continúa a impulsar iniciativas destinadas á valorización do patrimonio cultural e económico da provincia. Neste contexto, o presidente provincial, Luis Menor, mantivo hoxe unha reunión de traballo co alcalde de Xunqueira de Espadanedo, Pablo Graña, e coa xerente do Inorde, co obxectivo de avanzar nun proxecto orientado ao recoñecemento da alfarería tradicional de Niñodaguia como indicación xeográfica protexida.
Esta iniciativa busca aproveitar a recente modificación lexislativa que permite inscribir tamén produtos artesanais e industriais neste rexistro, co fin de fortalecer a identidade e a proxección da alfarería tradicional da Ribeira Sacra.
Durante o encontro, Luis Menor destacou que este proxecto “é unha iniciativa ilusionante en favor da artesanía, neste caso da alfarería tradicional de Niñodaguia, que conta cunha singularidade suficiente para engadir valor á marca Ribeira Sacra”. O presidente provincial subliñou ademais que o obxectivo é “evitar que esta tradición desapareza e, pola contra, fomentar a creación dunha canteira de novos artesáns que permitan recuperar e potenciar este traballo tradicional”.
Menor tamén puxo en valor a importancia deste tipo de iniciativas para reforzar a candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade, destacando que “a artesanía, a paisaxe, o patrimonio cultural e o viño conforman un conxunto de enorme valor que reforza a identidade deste territorio”.
Pola súa banda, o alcalde de Xunqueira de Espadanedo, Pablo Graña, agradeceu o compromiso da Deputación coa artesanía de Niñodaguia e destacou o apoio da institución provincial ao museo da alfarería, aberto durante todo o ano e que conta cunha guía grazas a un convenio coa Deputación. Ademais, sinalou que esta nova proposta permitirá “acadar un distintivo a nivel europeo que reforzará a marca propia da Ribeira Sacra e contribuirá á recuperación dunha tradición histórica”.
A Deputación de Ourense reafirma así o seu compromiso coa defensa e promoción das tradicións artesanais da provincia, entendéndoas como un elemento clave para o desenvolvemento económico, cultural e turístico do territorio.



