Luis Menor destacou na clausura desta iniciativa que “o verdadeiro valor dun destino non está só nos seus recursos naturais, senón no talento das persoas capaces de crear oportunidades arredor deles”
O programa, desenvolvido a través do Inorde coa Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do Campus de Ourense, incluíu 600 horas de formación e 280 horas de mentoría personalizada para iniciativas emprendedoras vinculadas ao turismo termal
O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, clausurou na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do Campus de Ourense o programa de emprendemento Ourense Termal, unha iniciativa impulsada polo Inorde en colaboración coa FCETOU no marco do Plan de Sostibilidade Turística en Ourense Termal.
Durante a súa intervención, Menor destacou que este programa forma parte da estratexia provincial para consolidar o termalismo como un motor de desenvolvemento económico, social e territorial, subliñando a importancia do talento emprendedor para reforzar a competitividade do destino. Tamén quixo agradecer a cooperación da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, co seu decano Jesús Vázquez á fronte, así como aos titores e mentores deste programa: Elisa Alén, Xabier Martinez Cobas, Andrés Mazaira, Isabel Dieguez, Ana Gueimonde, Noelia Araújo e Jose Antonio Fraiz.
“O verdadeiro valor dun destino non está só nos seus recursos naturais, senón no talento das persoas capaces de crear novas experiencias e oportunidades arredor deles”, sinalou o presidente provincial.
O programa permitiu consolidar 14 proxectos empresariais, dos cales 13 corresponden a iniciativas de desenvolvemento e un a emprendemento de nova creación, cun impacto directo en 18 concellos da provincia, desde O Carballiño ata Verín, pasando pola Baixa Limia ou o Ribeiro.
A iniciativa incluíu 600 horas de formación especializada e 280 horas de mentoría personalizada, permitindo aos participantes avanzar na definición e consolidación dos seus plans de negocio.
Menor, na entrega de diplomas do acto de clausura, puxo en valor o carácter innovador e diverso dos proxectos participantes, relacionados con ámbitos como o benestar termal, o ecoturismo, o enoturismo, a cosmética termal ou as experiencias vinculadas ao Camiño de Santiago e á natureza, todos eles aliñados coa aposta pola sustentabilidade e pola autenticidade do destino.
O emprendemento feminino, motor de dinamización
Outro dos datos destacados do programa é que o 65 % dos proxectos están liderados por mulleres, unha realidade que o presidente provincial cualificou como “un exemplo do papel fundamental do emprendemento feminino no dinamismo e na innovación do noso rural”.
Luis Menor subliñou que a clausura do programa non supón o final do acompañamento institucional aos proxectos participantes, xa que a Deputación continuará apoiando estas iniciativas a través das accións de promoción turística e das diferentes iniciativas impulsadas polo Inorde.
“Queremos que cando alguén mire cara a Ourense como destino termal non vexa só as nosas augas e paisaxes, senón tamén o talento, a innovación e as empresas que nacen arredor deste territorio”, afirmou.
O presidente provincial concluíu agradecendo aos emprendedores e emprendedoras a súa aposta por desenvolver os seus proxectos na provincia: “Cando alguén decide emprender en Ourense non está só creando unha empresa; está contribuíndo a construír o futuro do noso territorio”.



