A mostra, que estará dispoñible ata o 5 de abril, reúne 100 fotografías, na súa maioría en branco e negro, que resumen 50 anos de vida laboral e creativa dun autor que fixo do retrato o eixo principal da súa obra, especialidade na que vén centrando o seu traballo desde a década dos 70 ata a actualidade
A Deputación de Ourense inaugurará esta tarde no Centro Cultural Marcos Valcárcel a exposición “Read me”, do fotógrafo ourensán Santi Barreiros, unha ampla retrospectiva que ofrece un percorrido pola súa traxectoria artística e profesional ao longo de cinco décadas de traballo. Xunto ao artista, participaron na inauguración desta mostra o director da Área de Cultura, Marcos Vázquez, e o director do Centro Cultural Marcos Valcárcel, Francisco González.
A mostra, que estará dispoñible ata o 5 de abril, reúne 100 fotografías, na súa maioría en branco e negro, que resumen 50 anos de vida laboral e creativa dun autor que fixo do retrato o eixo principal da súa obra, especialidade na que vén centrando o seu traballo desde a década dos 70 ata a actualidade.
Un percorrido por “Read me” é tamén un percorrido por boa parte dos persoeiros máis recoñecibles do Ourense das últimas décadas, especialmente no ámbito da cultura, convertendo a exposición nun valioso testemuño visual da memoria recente da cidade e da provincia.
Co retrato e Ourense como fío condutor, a mostra inclúe tamén un espazo dedicado a recoller imaxes das viaxes realizadas polo autor a diferentes lugares do mundo, ampliando o diálogo entre o local e o universal que caracteriza a obra de Santi Barreiros.
Con esta nova exposición, a Deputación de Ourense, a través do Centro Cultural Marcos Valcárcel, continúa a súa aposta pola posta en valor dos creadores ourensáns e pola programación de propostas culturais que contribúan a difundir o talento e a memoria artística da provincia.



