A mostra estará dispoñible na sala de exposicións da sede de Turismo Rías Baixas ata o próximo 16 de febreiro
A Deputación de Pontevedra inaugura este venres 31 de xaneiro no Palacete das Mendoza a exposición “A evolución da mancha II”, unha mostra pictórica de Tato Heredia. A mostra estará dispoñible ata o 16 de febreiro na sala de exposicións da sede de Turismo Rías Baixas.
Tato Heredia, natural de Pontevedra, é fillo do tamén pintor Carlos Heredia, que se converteu no seu exemplo a seguir e foi quen lle deu consellos ata adquirir o seu estilo propio e inconfundible tras máis de 30 anos dedicándose á pintura. A inspiración de Heredia adoita ser Galicia no sentido xeográfico, reflexando os costumes e as maneiras de vivir e de traballar das súas xentes, plasmados en paisaxes tanto rurais como urbanas. A súa obra defínese por combinar riscos firmes con outros apenas insinuados, así como pola sinxeleza e a súa forza sutil.
Os horarios de visita da exposición “A evolución da mancha II” de Tato Heredia no Palacete das Mendoza a partir do venres serán os seguintes: de luns a venres de 8:00 a 20:00 horas, os sábados e festivos de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00 horas, e os domingos de 10:00 a 14:00 horas.