HomeDeputaciónsDeputación PontevedraA Deputación inaugura o programa de Artes Vivas da  32ª Bienal de...

A Deputación inaugura o programa de Artes Vivas da  32ª Bienal de Arte de Pontevedra coa performance Libertas de Vasco Araújo, unha marcha en defensa da liberdade

- Anuncio -spot_img

O programa de Artes Vivas da 32ª Bienal de Arte de Pontevedra abriu cunha acción colectiva que converteu as rúas da cidade nun escenario de arte e reivindicación social. Comisariado por Iñaki Martínez, o ciclo terá lugar todos os venres ata o final da Bienal en Pontevedra, Vigo, Sanxenxo, Ponteareas e O Grove

A iniciativa enmárcase na aposta da Deputación por un modelo cultural accesible, participativo e descentralizado, que achega a arte contemporánea á cidadanía e promove a súa implicación activa na vida cultural do territorio

A Deputación acaba de inaugurar o programa de Artes Vivas da 32ª edición da Bienal de Arte de Pontevedra cunha imaxe tan poderosa como simbólica: máis de 300 persoas vestidas de branco percorreron as rúas da cidade interpretando o “Coro dos escravos” da ópera Nabucco, de Giuseppe Verdi. Este canto colectivo á liberdade e á dignidade humana foi o eixo da acción Libertas – Da condición de persoa libre, do artista portugués Vasco Araújo, que converteu o espazo urbano nun escenario de arte e protesta.

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra e presidente da Bienal, Rafa Domínguez, subliñou que “esta Bienal non é só unha exposición de arte, é unha aposta pola cidade, pola súa xente, pola cultura que se vive na rúa e que nos convida a pensar xuntos sobre o mundo no que vivimos”. Destacou tamén “a resposta entusiasta da cidadanía” e agradeceu “a implicación de todas as persoas que fixeron posible este arranque espectacular”.

Comisariada por Iñaki Martínez Antelo, a performance partiu ás 20:00 h do Pazo da Cultura e percorreu diversas rúas da cidade. Centos de voces uníronse para interpretar unha peza cargada de simbolismo, tradicionalmente asociada á loita contra a opresión, nun acto que emocionou a todo o público asistente.

O comisario destacou “o impacto visual e emocional da proposta, unha acción que activou o espazo público desde o corpo, a voz e o encontro entre iguais”. Para Martínez Antelo, “o éxito de Libertas amosa o poder transformador da arte contemporánea cando se pon ao servizo da sociedade e se fai en diálogo coa cidadanía”.

O ciclo de Artes Vivas continuará cada venres ata finais de setembro, estendéndose a diferentes concellos da provincia, ademais de Pontevedra, como Vigo, Sanxenxo, O Grove ou Ponteareas, con propostas de danza, música e performance que ocuparán espazos urbanos, patrimoniais e industriais.

A Bienal, promovida pola Deputación, aposta así por un modelo cultural descentralizado e sostible, no que a arte volve ao centro da vida colectiva baixo o lema Volver a ser humanos.

A programación completa e toda a información práctica está dispoñible na web da Bienal:

🔗 https://bienal.depo.gal

Publicacións Relacionadas