HomeDeputaciónsDeputación OurenseA Deputación inaugura o venres 26 de decembro a 30ª edición de...

A Deputación inaugura o venres 26 de decembro a 30ª edición de Pazolandia, con máis innovación e inclusión

- Anuncio -spot_img

Nesta edición está confirmada a participación de 62 concellos da provincia, consolidando así a Pazolandia como a gran referencia do Nadal ourensán e un espazo de encontro para as familias ourensás no Pazo Paco Paz

A Deputación de Ourense pon en marcha este venres 26 de decembro unha nova edición de Pazolandia, o gran espazo lúdico e familiar do Nadal, que este ano chega cunha programación renovada e importantes novidades pensadas para ofrecer unha experiencia máis completa, inclusiva e segura a todos os nenos e nenas da provincia. Este ano cúmprense, ademáis 30 edicións desta cita de ocio familiar que é todo un referente no Nadal da provincia.

Entre as principais incorporacións desta edición destaca a atracción King Joker (Cárcere), cun sistema de cinco gaiolas para o público, movemento circular e unha altura máxima de voo de 18 metros, así como un mural conmemorativo de LEGO, unha peza única creada con motivo do 30º aniversario de Pazolandia con máis de 56.000 pezas. Súmase tamén un circuito de coches tolos eléctricos, con rodas traseiras deslizantes que permiten derrapes controlados, e un labirinto infantil de Halloween, adaptado para os máis pequenos como primeira experiencia nun espazo temático de carácter lúdico-terrorífico.

A Deputación reforza nesta edición o seu compromiso coa inclusión e a accesibilidade, coa creación dunha zona de calma para nenos e nenas con Trastorno do Espectro Autista (TEA) que precisen un espazo tranquilo, unha zona de lactancia e unha zona preinfantil con xogos de construción e xoguetes adaptados ás idades máis temperás. Ademais, celebrarase unha sesión específica de Pazolandia Inclusiva, o día 3 de xaneiro pola mañá, sen ruído ambiental, dirixida especialmente a nenos e nenas con TEA.

Como medidas adicionais de atención á diversidade, habilitaranse pulseiras identificativas para nenos e nenas con TEA ou necesidades especiais, que permitirán evitar colas, así como auriculares illantes de ruído para menores con hipersensibilidade auditiva, ambos dispoñibles no stand de información. A programación complétase con obradoiros sensoriais como “Xogo de fíos”, unha proposta creativa e inclusiva que promove o tacto, a imaxinación e o recoñecemento das diferentes capacidades das persoas. Tamén haberá diferentes sorteos en todas as sesións de Pazolandia.

Dispositivo de seguridade

Pazolandia contará ademais cun completo dispositivo de atención médica, seguridade e emerxencias, coa presenza de servizos sanitarios, forzas de seguridade, bombeiros e Cruz Vermella, garantindo o benestar de todas as persoas asistentes.

Nesta edición está confirmada a participación de 62 concellos da provincia, prevéndose que cheguen a 65 e consolidando Pazolandia como unha das citas de referencia do Nadal ourensán e un espazo de encontro para as familias de todo o territorio provincial.

Publicacións Relacionadas