A Deputación incrementa nun 3% os recursos destinados a Medio Ambiente e Areeiro, que ascenden no 2026 a máis de 8,6 millóns de euros

adminON
Lectura mínima de 3

O deputado de Medio Ambiente, Marcos Guisasola, remarcou que “incrementamos os recursos para impulsar políticas sostibles e respectuosas, porque o desenvolvemento desta provincia non pode estar rifado coa conservación da nosa contorna natural”

Javier Tourís, delegado da Estación Fitopatolóxica Areeiro, subliñou que “imos seguir promovendo este centro punteiro de investigación, referente internacional, para mellorar os cultivos e as especies vexetais na nosa provincia”

Desde o ano 2023 e co orzamento aprobado para o vindeiro ano serán preto de 24 millóns de euros os recursos dirixidos polo goberno provincial á conservación do medio natural

A Deputación de Pontevedra incrementa nun 3% os recursos destinados a Medio Ambiente e Areeiro, que ascenden no 2026 a máis de 8,6 millóns de euros. Tanto o deputado de Medio Ambiente e Mar, Marcos Guisasola, como o da Estación Fitopatolóxica Areeiro, Javier Tourís, remarcaron o esforzo inversor do ente provincial para seguir impulsando a conservación da contorna natural e das especies vexetais da provincia.

Marcos Guisasola, deputado de Medio Ambiente, subliñou que o incremento do recursos no orzamento de Medio Ambiente de cara ao 2026, que ascende a máis de 5,5 millóns de euros permitirá “impulsar políticas sostibles e respectuosas, porque o desenvolvemento desta provincia non pode estar rifado coa conservación da nosa contorna natural”. Pola súa banda, o deputado da Estación Fitopatolóxica Areeiro, Javier Tourís, puxo en valor que con estes recursos, que para o servizo chegarán o próximo ano aos preto de 3,1 millóns de euros, “imos seguir promovendo este centro punteiro de investigación, referente internacional, para mellorar os cultivos e as especies vexetais na nosa provincia, así como aumentar a súa difusión entre a cidadanía e o gran potencial da explotación do TéAreeiro para o desenvolvemento do rural da provincia”.

Desde o ano 2023 e co orzamento aprobado para o vindeiro ano, serán preto de 24 millóns de euros os recursos dirixidos polo goberno da Deputación de Pontevedra ao medio natural. Neste eido, ata a data, con estes fondos públicos destináronse achegas económicas a confrarías de pescadores, agrupacións de mariscadoras e cooperativas agrogandeiras da provincia, así como para poñer en marcha iniciativas medioambientais da man da Unión Europea, asinar convenios con diferentes entidades para o impulso do medio natural,a posta en marcha de programas como Voando nas Rías Baixas e +Bosques e tamén para a investigación fitopatolóxica en viticultura, arredor do kiwi e en especies vexetais en xeral ou para a realización de análises, informes ou avanzar na investigación sobre o aceite de camelia e o TéAreeiro.  

Comparte este artigo