HomeDeputaciónsDeputación PontevedraA Deputación inicia esta semana 10 novos obradoiros do programa Provincia Activa...

A Deputación inicia esta semana 10 novos obradoiros do programa Provincia Activa para impulsar o envellecemento activo

- Anuncio -spot_img

Máis de 170 veciños de 10 concellos comezarán accións centradas en teatro, informática avanzada, pilates, bailes de salón, plantas medicinais, ximnasia de mantemento ou habilidades dixitais

A Deputación de Pontevedra continúa coa programación de obradoiros de Provincia Activa, iniciativa coa que impulsa o envellecemento activo das persoas maiores, fomentando a súa participación para crear espazos de encontro e intercambio de experiencias. Esta semana comezarán 10 novas accións con outras tantas entidades sociais que mobilizarán un total de 173 veciños de 10 concellos da provincia: Baiona, Cangas do Morrazo, A Estrada, A Guarda, Mondariz, Oia, Pontevedra, Portas, Tui e Salceda de Caselas.

Os obradoiros darán comezo cunha formación en informática avanzada para a Asociación Cultural Candelas (Portas) e seguirán con dous cursos de ximnasia de mantemento para AFAGA (Baiona) e para Asociación Cultural San Fins de Rebordáns (Tui), que darán comezo este martes 16 de setembro. Nesta mesma xornada tamén empezará un curso de habilidades dixitais para uso cotián que realizarán os usuarios da Asociación Veciñal Socio-Cultural e Deportiva Santa Eugenia de Mougás (Oia).

O mércores 17 comezará un obradoiro de teatro para a Asociación de Maiores de Mondariz, un curso de habilidades dixitais para uso cotián para a Asociación Veciñal da Terra de Guimarei (A Estrada) e unha formación en pilates para a Asociación Síndrome de Down (Pontevedra). Por outra banda, o xoves 18 o Club 3ª Idade e Pensionistas da Guarda tamén participará nun obradoiro de habilidades dixitais para uso cotián. As accións rematan o venres 19 de setembro cunha formación en plantas medicinais para a Asociación de Veciños San Amaro de Menduiña (Cangas do Morrazo) e un curso de bailes de salón para Asociación de Veciños Agrícola e Cultural San Tomé de Parderrubias (Salceda de Caselas).

A Deputación ofertou neste 2025 14 obradoiros no catálogo de Provincia Activa, divididos en seis bloques temáticos: “Benestar natural” (Plantas medicinais), “Saúde en movemento”  (Pilates, ioga e ximnasia de mantemento para persoas maiores), “Emociónate” (Conservando a memoria, Musicoterapia, Risoterapia e Terapia emocional: Positividade e canalización das emocións), “Outra vida” (Teatro e Restauración de mobles e tapicería), “Con ritmo!” (Bailes de salón e Pandeireta e canto popular) e “Reder@s” (Habilidades dixitais para uso cotián e Informática. Nivel Avanzado). Provincia Activa conta este ano cun orzamento de 146.000 euros e ao longo do ano desfrutarán dos obradoiros 130 entidades de 40 concellos da provincia.

Publicacións Relacionadas