Preto de 40 veciños e veciñas de Cerdedo-Cotobade e Vigo comezan accións centradas en pilates e risoterapia
A Deputación de Pontevedra continúa desenvolvendo os obradoiros do programa Provincia activa, co que está a impulsar o envellecemento activo das persoas maiores da provincia, a fomentar a participación e a crear espazos de encontro e intercambio de experiencias. Ata 36 persoas maiores de dúas asociacións de Cerdedo-Cotobade e Vigo comezarán a desfrutar das actividades formativas do programa a partir desta semana.
En concreto, este luns 12 de maio 17 persoas de Asociación de Veciños de Cutián, de Cerdedo-Cotobade comezarán o seu curso de pilates, mentres que o próximos venres, 16 de maio, serán 19 as persoas da Asociación Doa Saúde Mental, de Vigo, as que dean inicio ao seu obradoiro, neste caso centrado na risoterapia. En total, a Deputación ofertou neste 2025 14 obradoiros no catálogo de Provincia activa divididos en seis bloques temáticos: “Benestar natural” (Plantas medicinais), “Saúde en movemento” (Pilates, ioga e ximnasia de mantemento para persoas maiores), “Emociónate” (Conservando a memoria, Musicoterapia, Risoterapia e Terapia emocional: Positividade e canalización das emocións), “Outra vida” (Teatro e Restauración de mobles e tapicería), “Con ritmo!” (Bailes de salón e Pandeireta e canto popular) e “Reder@s” (Habilidades dixitais para uso cotián e Informática. Nivel Avanzado). Provincia Activa conta este ano cun orzamento de 146.000 euros e ao longo do 2025 desfrutarán dos obradoiros 130 entidades de 40 concellos da provincia.