Beneficiaranse desta iniciativa un grupo de 15 integrantes da Asociación de Mulleres Rurais de Ribeira
+Xuntas é un programa provincial destinado a promover a igualdade a través de actividades formativas que chegarán neste 2025 a entidades de 56 concellos
A Deputación de Pontevedra comeza esta semana unha nova actividade formativa do programa +Xuntas na Estrada. Trátase do curso de plantas medicinais do que se beneficiarán un grupo de 15 integrantes da Asociación de Mulleres Rurais de Ribeira. A través de +Xuntas, a Deputación busca promover a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, un dos grandes compromisos e obxectivos transversais do goberno da institución provincial.
No marco do programa +Xuntas este ano terán lugar 207 obradoiros dirixidos a entidades de 56 concellos da provincia que traballan na promoción das mulleres, apoiando o seu desenvolvemento. O programa ten un orzamento de 325.000 euros e chegará a máis de 5.000 mulleres, xa que cada un dos cursos está dirixido a un máximo dunhas 20-25 persoas. Ás entidades ofrecéronselle 26 obradoiros encadrados en catro bloques temáticos relacionados coa tecnoloxía, a creatividade, o medio natural e a saúde.
Os obradoiros de +Xuntas adxudicáronse a colectivos da Cañiza, A Estrada, A Guarda, A Illa de Arousa, A Lama, Arbo, As Neves, Baiona, Barro, Bueu, Caldas de Reis, Cambados, Campo Lameiro, Cangas, Catoira, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Crecente, Cuntis, Dozón, Fornelos de Montes, Gondomar, Lalín, Marín, Meaño, Meis, Moaña, Mondariz, Moraña, Mos, O Grove, O Porriño, O Rosal, Oia, Pazos de Borbén, Poio, Ponte Caldelas, Ponteareas, Pontevedra, Portas, Redondela, Rodeiro, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Sanxenxo, Silleda, Soutomaior, Tomiño, Tui, Valga, Vigo, Vila de Cruces, Vilaboa, Vilagarcía e Vilanova de Arousa.