A Asociación Mulleres en Igualdade e a Asociación de Veciños de Moneixas de Lalín asistirán a un obradoiro de musicoterapia e de ioga, respectivamente, no marco de +Xuntas
A Asociación O Batuqueiro de Vilariño, en Cambados, comezará un curso de pilates tamén ao abeiro deste programa provincial destinado a promover a igualdade e crear espazos de encontro para mulleres
A Deputación de Pontevedra comeza esta semana novas actividades formativas para colectivos sociais de Lalín e Cambados no marco do seu programa formativo e de participación social +Xuntas. As tres accións suporán a mobilización de preto 50 mulleres da provincia de Pontevedra nun programa que ten como obxectivo promover a igualdade e crear espazos de encontro para mulleres.
Este martes, 1 de xullo, 12 usuarias da Asociación Mulleres en Igualdade de Lalín comezarán un obradoiro de musicoterapia. Tamén en Lalín, outras 12 mulleres da Asociación de Veciños de Moneixas desfrutarán dun curso de ioga a partir do mércores 2 de xullo. Pola súa banda, a Asociación O Batuqueiro de Vilariño de Cambados participará nunha actividade de pilates a partir do xoves 3 de xullo.
No marco de +Xuntas este ano terán lugar 207 accións formativas dirixidas a entidades de 56 concellos da provincia que traballan na promoción das mulleres e apoiando o seu desenvolvemento. O programa ten un orzamento de 325.000 euros e chegará a máis de 5.000 mulleres, que puideron escoller entre 26 obradoiros encadrados en catro bloques temáticos relacionados coa tecnoloxía, a creatividade, o medio natural e a saúde.