– A institución provincial comezou os traballos de repavimentación con aglomerado en quente na LU-P-1602, que vai de San Cristovo a Romeán; na LU-P-1606 desde Adai a Queizán; e na LU-P-2918, a vía que tamén conecta Adai con Santa María de Bóveda
A Deputación de Lugo vén de iniciar esta semana as obras de repavimentación con aglomerado en quente en tres estradas provinciais ao seu paso polo concello do Corgo. Trátase dun proxecto conxunto para o que a institución provincial investiu 249.922€ e co que se acondicionarán -en varios treitos- algo máis de 8 quilómetros en total. A actuación inclúe os seguintes arranxos:
– Na LU-P-1602, a estrada que conecta as parroquias de San Cristovo e Romeán, os traballos comezaron á altura da parroquia de Adai e en total vaise mellorar un treito de algo máis de cinco quilómetros, entre o punto quilométrico 3,223 e o 8,547.
– Na LU-P-1606, a vía que vai desde a parroquia de Adai á de Queizán, estanse a acondicionar os primeiros metros da estrada, desde o inicio da vía ao punto quilométrico 2,652.
– E na LU-P-2918, que une o municipio de Lugo con Adai pasando pola parroquia de Santa María de Bóveda e que sirve de enlace coa LU-P-1602 no seu tramo final, estase a acondicionar un tramo duns metros, o que vai do punto quilométrico 9,736 ao 9,856.
As obras en todas as vías, que está a realizar a empresa Francisco Gómez SL, son a reapertura de cunetas, reparación de desperfectos, repavimentación e pintado.
Máis de 140.000€ para outro proxecto no Corgo
Esta intervención enmárcase no compromiso da Deputación de Lugo por manter e mellorar a rede viaria provincial, a máis extensa do Estado, con máis de 4.000 quilómetros de lonxitude.
Esta mesma semana a institución provincial iniciou o estendido do aglomerado nun tramo do cinto comarcal, a vía LU-P-1611, ao seu paso polo concello do Corgo. Concretamente, estase a arranxar un treito de algo máis dun quilómetro e medio, do punto quilométrico 9,020 ao 10,725, que vai desde a parroquia de Camposo ao núcleo de Pacios, na parroquia de Cela. Para este proxecto a Deputación investiu un total de 140.942€.



