As brigadas de mantemento e conservación, así como as empresas contratadas, xa esparexeron case 200 toneladas de sal para facer fronte ás xeadas producidas e atenderon na última semana preto de setenta incidencias
A Deputación de Pontevedra mantén un intenso operativo para garantir o
mantemento e a seguridade no viario provincial con motivo da complexa situación
derivada da vaga de frío rexistrada nos últimos días. Deste xeito, os parques
provinciais de maquinaria continúan a traballar intensamente ao longo dos 1.700
quilómetros das estradas da rede da Deputación e atenderon xa na última
semana preto de setenta incidencias.
Practicamente a totalidade destas incidencias foron motivadas por duras xeadas
nas tres zonas de actuación (norte, centro e sur) en que a Deputación divide a
provincia, especialmente na zona norte onde se están a rexistrar as temperaturas
máis baixas. As brigadas de mantemento e conservación dispoñen das provisións
necesarias de sal para protexer a rede de estradas provinciais destes episodios
de frío mediante maquinaria dotada de esparexedores. Debido aos baixos
rexistros dos últimos días xa foron consumidas más de 190 toneladas para facer
fronte ás xeadas producidas na rede de estradas e realizáronse percorridos
preventivos de estendido de sal na case totalidade do viario provincial.
Con respecto ás incidencias, a maior parte producíronse nas zonas norte
(Cerdedo, Dozón, A Estrada, Forcarei, Agolada, Lalín, Rodeiro, Silleda e Vila de
Cruces) e centro (A Lama, Barro, Bueu, Caldas, Cambados, Campo Lameiro,
Cangas, Cotobade, Cuntis, Catoira, Fornelos, O Grove, A Illa, Marín, Meaño,
Meis, Moaña, Moraña, Pazos de Borbén, Ponte Caldelas, Pontecesures,
Pontevedra, Portas, Poio, Ribadumia, Sanxenxo, Soutomaior, Redondela, Valga,
Vilaboa, Vilagarcía e Vilanova), nas que houbo unha trintena de actuacións. En
menor medida afectaron á zona sur (Arbo, A Cañiza, Covelo, Crecente,
Gondomar, A Guarda, Mondariz, Mondariz Balneario, O Porriño, Ponteareas, O
Rosal, Salceda de Caselas, Salvaterra, Tomiño, Tui, Vigo, As Neves, Oia, Nigrán,
Baiona e Mos), con 14 intervencións.
Dada a previsión para estes próximos días, nestes momentos están dispoñibles
máis de 120 toneladas de sal gardadas nos parques de Ponteareas,
Gondomar, Pontevedra, Codeseda (A Estrada) e Lalín. En canto á maquinaria,
cóntase con seis esparexedores de sal instalados nos correspondentes
camións e catro coitelas quitaneves a empregar en caso necesario.
Continuas actuacións preventivas
Por mor dos fenómenos extremos que se están a padecer, a situación está a
ser moi complexa pese as continuas actuacións preventivas que están a
realizar os medios da Deputación esparexendo sal tanto a primeira hora da
mañá como a última da tarde en toda a rede para evitar placas de xeo na
calzada e garantir a seguranza viaria. Zonas pouco habituais pola afección do
frío e as xeadas estanse a ver tamén afectadas, polo que se intensificaron os
esforzos tanto en medios humanos como materiais.
O operativo provincial ten mobilizado a preto de oitenta persoas. A maiores,
participan os coordinadores de brigadas e o demais persoal técnico da
institución provincial. Cabe lembrar que as brigadas están a traballar en
horario de mañá, de tarde, e de garda localizada durante a noite para atender
incidencias chegadas desde o servizo de vixilancia da Deputación, que recibe
avisos tanto desde o 112, dos concellos, de policías locais e incluso da propia
veciñanza.