Luis López salientou o plan, no que se financiaron 14 proxectos nas comarcas, como un reflexo da aposta da Deputación polo municipalismo e o deporte
A Deputación de Pontevedra investiu nas comarcas de Deza e Tabeirós-Terra de Montes preto de 500.000 euros a través do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, con achegas aprobadas para os oito concellos da área. En concreto, financiáronse un total de 14 proxectos, que mobilizaron un total de 844.000 euros, xa que o orzamento podía completarse con achegas municipais, doutras administracións ou incluso de plans provinciais como o +Provincia.
No caso de Agolada, financiouse a mellora dos focos do seu campo de fútbol, cun investimento de 31.444,05 euros. En Dozón, o plan deixou 25.408,26 € para a mellora dos vestiarios das súas piscinas municipais. Na Estrada, o concello recibiu 119.485,71 € para a mellora das súas piscinas municipais (unha actuación que tamén recibiu máis de 334.000 € do plan +Provincia). En Forcarei, a vila recibiu 36.089,24 € con obxecto de financiar a mellora do pavillón polideportivo de Soutelo de Montes.
No caso de Lalín, financiáronse un total de sete actuacións por un importe total de 119.954,17 €: a adquisición de sistemas de marcadores para o estadio Manuel Anxo Cortizo e o pavillón municipal de deportes (34.848,02 €), a reparación das ramplas de acceso ao Lalín Arena (20.773 €), a adquisición dun pavimento sintético para a pista de atletismo para o estadio Manuel Anxo Cortizo (19.550 €), a adquisición de dúas pantallas LED para o Lalín Arena (17.992,70 €), a subministración dun elevador acuático portátil para o Lalín Arena (9.504 €), a subministración de estores e paneis no Lalín Arena (9.231,50 €) e finalmente a subministración de diversas máquinas e material deportivo tamén para o Lalín Arena (8.054,95 €).
En Rodeiro investíronse 31.764,58 € para a construción da cuberta da súa pista de pádel. Silleda recibiu 64.029,42 euros para a instalación dun skatepark e unha pista multideportiva. E, por último, en Vila de Cruces unha achega de 45.305,65 euros permitiu financiar a mellora e ampliación do seu ximnasio municipal.
Na súa valoración global do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, o presidente Luis López sinalou que este é “a máxima expresión do que somos como goberno: a Deputación do municipalismo e do deporte”. O responsable provincial sinalou a súa grande acollida, xa que se financiaron un total de 75 proxectos dos 59 concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes. “Este foi un dos primeiros plans que anunciamos como goberno, e reafirma o noso compromiso para mellorar e renovar as infraestruturas deportivas da provincia, que son auténticos templos para os hábitos de vida saudable, o lecer e o talento deportivo”, subliñou López.