Nunha xuntanza no Pazo provincial con responsables de Oficinas Municipais de Información Xuvenil, o deputado provincial anunciou a publicación no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra deste liña de axudas que abrirá o prazo de presentación de solicitudes o 17 de febreiro
A Deputación de Pontevedra, encabezada polo deputado Jorge Cubela, acaba de reunirse con responsables das Oficinas Municipais de Información Xuvenil, para dar conta das principais iniciativas que está a liderar a través do servizo de Xuventude. Entre elas, Cubela, anunciou a publicación no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra da liña de axudas do Plan +Xuventude. Este plan provincial, que abrirá o prazo de presentación de solicitudes o 17 de febreiro ata o 14 de marzo e está dotado con 120.000 euros, 20.000 euros máis que na súa primeira edición, vai dirixido a asociacións xuvenís sen ánimo de lucro ou a grupos de mozos para proxectos emprendedores, iniciativas de vida saudable e para o fomento da cultura, a creación de consellos locais de xuventude, a dinamización do medio rural ou a protección do medio ambiente.
“Non podemos esquecer que na xuventude está a semente do noso futuro” subliñou Jorge Cubela quen recordou que no 2024 se puxo en marcha na Deputación o servizo de Xuventude e Reto Demográfico para “dar resposta ás necesidades da mocidade da provincia, ofertar novas liñas de actuación e ser o promotor da coordinación e da posta en valor das accións que se levan a cabo nos distintos servizos desta institución, así como dar voz aos concellos e ás OMIX e, sobre todo, aos principais protagonistas: as mozas e mozos da provincia”.
Neste eido, o deputado recordou o servizo está a elaborar o primeiro Plan Estratéxico Provincial de Xuventude, que constituirá o eixo de acción das políticas da Deputación. Tamén puxo en valor a convocatoria da primeira liña de axudas da historia do organismo provincial dirixidas á xente moza da provincia, o Plan +Xuventude, que este mesmo venres publicou as bases da súa segunda convocatoria; así como a primeira liña de axudas para concellos de menos de 20.000 habitantes para a dotación de locais destinados a uso xuvenil, O teu espazo xuvenil; os Premios Provinciais á Xuventude; o programa Vive o Rural, para financiar actividades medioambientais en granxas escola da provincia; ou a enquisa lanzada a finais de novembro dirixida á xuventude da provincia para coñecer de primeira man as súas necesidades.
“Sentímonos moi orgullosos do servizo de xuventude da Deputación, que en pouco máis dun ano ten sido capaz de lanzar numerosos proxectos encamiñados á mocidade desta provincia, a mellorar as súas oportunidades”, asegurou Cubela. Neste eido, destacou a importancia de organizar xuntanzas con entidades de diferentes tipos, neste caso con responsables das OMIX, “para acoller as vosas demandas, resolver dúbidas e poder, na medida do posible, atendelas de cara aos anos que veñen por diante; porque somos moi conscientes de que o único xeito de facer que esta provincia avance é así, escoitando, mantendo unha relación fluída e cercana para que Pontevedra sexa, se cabe, moito máis extraordinaria do que xa é”.