O deputado provincial Javier Tourís presentou no Colexio de Agolada esta iniciativa impulsada pola Deputación de Pontevedra e ideada pola pedagoga Teresa Domínguez xunto con Belén Giménez, que este ano chegará a máis de 8.500 alumnas e alumnos de Infantil e Primaria da provincia
A Deputación de Pontevedra lanza os calendarios competenciais de Infantil e Primaria para o curso 2025-2026, unha ferramenta pedagóxica para aprender a base de experiencias dirixida ao alumnado da provincia. O deputado provincial Javier Tourís presentou no Colexio de Agolada esta iniciativa impulsada polo organismo e ideada pola pedagoga Teresa Domínguez xunto con Belén Giménez, que este ano chegará a máis de 8.500 alumnas e alumnos de Infantil e Primaria da provincia.
Tourís remarcou que os calendarios están “cheos de propostas divertidas e educativas” para levar a cabo nos centros educativos “pero sobre todo na casa, coas vosas familias”. Trátanse, tal e como explicou o deputado, de “actividades que abranguen desde valores positivos ata hábitos de vida saudable e propostas para facer no interior, agora que veñen por diante meses fríos e húmidos, como no exterior, cando saian os raios de sol”. Neste eido subliñou que se trata de ferramentas de aprendizaxe de “grande utilidade, que vos axudarán a descubrir xogando, compartindo espazos tempos coas vosas amizades e familias, e a convertervos, no día de mañá, en persoas con pensamento crítico, cheas de valores, habilidades e coñecementos”.
O deputado informou que os calendarios dirixiranse aos centros educativos de Infantil e Primaria do conxunto da provincia de Pontevedra, distribuíndo para estes ciclos educativos máis de 8.500 unidades. Neles inclúense propostas de cinema adaptado a cada idade e de literatura, así como actividades para realizar a diario que inclúen desde a creación de podcasts, xogos en familia, ata tarefas de investigación e de reflexión sobre diferentes cuestións como alimentación, enfermidades ou arte.



